O Concello da Coruña condena o crime machista de Vigo
O Concello da Coruña quere amosar a súa condena ante o crime machista rexistrado onte, domingo, en Vigo, e convoca á Corporación municipal e aos traballadores e traballadoras a concentrarse mañá, ás 12.00 horas, ás portas do Pazo de María Pita e gardar un minuto de silencio para amosar a súa repulsa ante este novo homicidio. Así mesmo, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, chama á concienciación cidadá e lembra que os programas de prevención son a principal vía para rematar coa violencia machista, ademais do necesario reforzo dos servizos de apoio ás mulleres en situación de malos tratos.
Desde a concellería convídase tamén aos veciños e veciñas a secundar a convocatoria do movemento feminista, que terá lugar mañá martes ás 20.00 horas no Obelisco, en consonancia co que se vén facendo cada vez que se produce un asasinato machista en Galicia.











