O Clúster do Turismo de Galicia e Deputación de Pontevedra impulsan unha xornada técnica de comercialización turística

Sinatura do convenio
O presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Francisco González, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinaron un convenio de colaboración entre ambas as entidades para o impulso dunhas xornadas técnicas que se celebrarán en Pontevedra co obxectivo de impulsar a mellora da comercialización turística por parte dos profesionais do sector. No acto desta mañá tamén estiveron presentes o secretario do Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o presidente de AGAVI e representante do Clúster en Pontevedra, Diego Otero.
A xornada técnica nace así como continuación dos I Encontros de Clúster do Turismo de Galicia que se celebraron o ano pasado na Coruña e cunha vocación de continuidade, ao obxecto de contribuír á formación e a mellora da competitividade do sector turístico galego.
Grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra, os Encontros celebraranse nesta ocasión en Pontevedra e previsiblemente na segunda quincena do mes de novembro. A achega desta institución, de case 30.000 euros, permitirá así celebrar un Encontro dirixido a profesionais e interesados no sector turístico que incluirá relatorios e mesas redondas que virarán ao redor de temas como as tendencias e estratexias actuais para a comercialización de destinos turísticos, análises de mercado, ferramentas de comercialización tecnolóxicas e os novos retos que supón a irrupción da comercialización en liña fronte á off line, entre outros aspectos.
Segundo explicou o presidente do Clúster do Turismo, o obxectivo é seguir creando foros de debate nos que profundar nos cambios que sofre este sector, a adaptación ás novas tecnoloxías e coñecer casos de éxito que contribúan a mellorar a comercialización do destino Galicia,sempre desde un punto de vista práctico que favoreza o networking e o intercambio de ideas.











