O ciclo Tempo de Música inaugura a súa vixésimo cuarta edición coa actuación da Banda Xuvenil Sementeira no local social da Picota

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O local social da Picota, na parroquia do Couto, acollerá a partir deste domingo, día 27, o inicio da vixésimo cuarta edición do ciclo Tempo de Música, que se prolongará ata o vindeiro 25 de outubro. O ciclo, no que colabora a Concellería de Cultura, dirixida pola edil Marián Ferreiro, comezará cun concerto da Banda Xuvenil Sementeira, do Concello de Narón. O evento está organizado pola Asociación de Veciños do Couto, presidida por Anselmo Beceiro, e conta ademais coa colaboración da Federación Coral Galega e da Deputación da Coruña. Todas as actuacións programdas comezarán ás seis da tarde.

O programa que se inicia este domingo continuará o 4 de outubro, coa actuación da agrupación musical A culpa foi de Lolo, de Neda e da Coral Polifónica La Salle, de Santiago de Compostela. Na xornada do 11 de outubro a xornada correrá a cargo das corais Vilalbesa, de Lugo, e San Salvador de Camanzo, de Vila de Cruces (Pontevedra). O día 18 do vindeiro mes será o turno da Coral Polifónica de Berres, da Estrada (Pontevedra) e do Coro de Cámara Música Viva, do Carballiño (Ourense). A última das xornadas programadas na XXIV edición do ciclo Tempo de Música do Couto, o día 25, correrá a cargo da Coral Polifónica de Verdoejo, de Valença (Portugal) e pecharáa, como é habitual, a Coral Amistade, da Asociación de Veciños do Couto (Narón).

A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro agradeceu o traballo da AVV do Couto, “que ano tras ano organiza esta cita musical que hoxe en día está xa consolidada neste concello e está a punto de cumprir as súas bodas de prata” e animou á veciñanza a desprazarse ata o local social da Picota os vindeiros domingos, ata o 25 de outubro, para poder gozar das diversas actuacións musicais que alí se sucederán.

25 de setembro de 2015 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.