O Chuvi finalizou a súa fase de traslado e apertura do Álvaro Cunqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Ás 8,00 horas desta mañá, tal e como estaba previsto, cesou a actividade do servizo de Urxencias do Hospital Meixoeiro e, de xeito simultáneo, trasladouse ao Álvaro Cunqueiro. Así, desde hoxe, todas as urxencias hospitalarias do Chuvi están unificadas no Álvaro Cunqueiro, que dará resposta ás necesidades asistenciais da área, converténdose no maior Servizo de Urxencias dos hospitais de Galicia.

Nesta xornada, efectuouse o traslado de seis pacientes do Meixoeiro ao Álvaro Cunqueiro, tres procedentes das Urxencias e tres pacientes críticos, traslado que se realizou con absoluta normalidade.

Polo tanto, neste proceso de reordenación da área sanitaria, no día de hoxe ponse fin a fase de traslado e apertura do Álvaro Cunqueiro, e dá comenzo outra nova etapa, a de axuste.

Neste contexto, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, acompañada do xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, achegouse ao novo hospital vigués para manter unha xuntanza co equipo directivo ao completo da EOXI de Vigo e “agradecerlles o traballo realizado para que este traslado se desenvolvese sen incidencias e garantindo a seguridade dos pacientes; tendo en conta ademais que tratábase dun proceso complexo que había que realizalo ao tempo que seguía manténdose a actividade asistencial nos centros”. Así mesmo, interesouse polos últimos datos desta fase e polos aspectos a acometer nesta etapa nova que agora se inicia.

Esta fase de axuste, que ten un período estimado de entre 6 meses e un ano, centrarase en avanzar na mellora paulatina da capacidade e rendemento do Álvaro Cunqueiro, en completar o traslado do equipamento que ata agora viña dando asistencia nos hospitais Xeral e Meixoeiro, nas obras de remodelación e adaptación dos centros ás novas funcionalidades, nos próximos traslados dos pacientes do Rebullón ao Nicolás Peña ou do servizo de Oftalmoloxía do Cíes ao Meixoeiro, ou na reordenación das urxencias de Atención Primaria en Vigo.

“Nesta nova etapa —asegurou a conselleira— vanse efectuar todos aqueles axustes que sexan precisos no Álvaro Cunqueiro para darlle toda a funcionalidade posible á nova estrutura”.

25 de setembro de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.