O CESM denuncia ao Sergas por posible homicidio imprudente da muller falecida con aspergillus en Vigo
O sindicato médico CESM presentou este luns na Fiscalía de Vigo unha denuncia contra o Sergas pola súa presunta responsabilidade no falecemento dunha paciente, a pasada semana, no novo hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), á que se lle detectou a presenza do fungo aspergillus no seu organismo.
O sindicato considera que a administración puido incorrer nun posible delito de homicidio imprudente, así como “noutros delitos” por precipitar o traslado de pacientes e profesionais ás novas instalacións, a pesar de que estas non reúnen, segundo expón na denuncia, as condicións esixibles de seguridade sanitaria.
A ese respecto, CESM recordou que o propio Sergas admitiu que non hai cen por cento de seguridade sobre a calidade ambiental do aire nalgunhas zonas do HAC, aínda que Sanidade si que garantiu que o resto de zonas do hospital cumpren os parámetros de bioseguridade.
O sindicato subliñou que o HAC é un complexo aínda “en obras” e que, nesas circunstancias, é factible a aparición de fungos como o aspergillus. Por iso, criticou a “precipitación” no traslado que, ao seu xuízo, non respondía a unha cuestión de necesidade sanitaria, senón á “urxencia da concesionaria por comezar a cobrar o canon e os servizos extrahospitalarios”.
CESM incide na “responsabilidade” da Consellería de Sanidade por autorizar a apertura do hospital e o traslado de pacientes, malia os “riscos” existentes, e acusou á administración de incumprir o seu deber de “tutela e garantir a saúde pública”.
DECLARACIÓNS
O denunciante reclama, polo tanto, á Fiscalía, que se abra unha investigación sobre estes feitos e que se chame a declarar á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera; ao xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial; e aos responsables das obras no hospital Álvaro Cunqueiro.
Así mesmo, CESM solicitou que se achegue a documentación proveniente da Oficina de Control da obra ou, no seu defecto, do organismo que avalara que o hospital estaba en condicións de iniciar a súa actividade.











