publicidade hoxe

O centro do proxecto home en Val do Dubra será a primeira infraestrutura capacitada para autoabastecemento enerxético 100% renovable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVal do Dubra
A-
A+
Conde na visita ás instalacións

Conde na visita ás instalacións

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe, acompañado polo director da Zona Noroeste de Ferroatlántica, Carlos Oliete, a Comunidade Terapéutica do Proxecto Home Galicia en Val do Dubra. No transcurso da visita, ambos felicitaron á Comunidade polo labor que realiza a prol da reinserción social dos seus pacientes e polo esforzo e o traballo no desenvolvemento das instalacións, ao tempo que agradeceron a oportunidade de coñecer os proxectos que están a levar a cabo e que se abren ao ámbito da eficiencia enerxética.

Neste sentido, Conde salientou que a Comunidade configúrase como un exemplo, tanto pola aplicación dos métodos máis novidosos, como a técnica da Patoloxía Dual, como pola xestión enerxética sostible manifestada nunha “aposta decidida polo aforro enerxético e as fontes renovables”. Un compromiso que, grazas a un acordo de colaboración no que participan Inega e Ferroatlántica, fará do centro a primeira infraestrutura galega capacitada para xerar un autoabastecemento enerxético 100% renovable.

Para acadar este obxectivo, explicou o conselleiro, realizarase unha auditoría enerxética encamiñada a conseguir unha primeira redución da demanda eléctrica do centro, instalándose a continuación 48 baterías e preto de 300 paneis solares fabricados con tecnoloxía 100% galega. Deste xeito, satisfarase o total da demanda eléctrica xerando un aforro económico de 20.000 euros anuais.

Co desenvolvemento desta actuación, que estará en marcha antes de que remate o ano, o centro reafirma o seu compromiso coa eficiencia enerxética e as fontes renovables. Así, e como recordou Conde, a Comunidade conta xa cunha caldeira de biomasa que satisface o 100% das súas necesidades térmicas.

O novo sistema, adiantou o conselleiro, non so cubrirá a demanda eléctrica do centro, senón que impulsará outro tipo de iniciativas. Así, e no contexto do importante labor de reinserción social de Proxecto Home Galicia, a instalación servirá de base para a realización dun proxecto educativo en eficiencia enerxética, complementando outro tipo de cursos que xa imparte a comunidade en eidos como o turismo ecuestre ou a cantería.

Así mesmo, resaltou Conde, o proxecto facilitará a empresas, centros tecnolóxicos e universidades a realización de estudos de I+D+i sobre xeración distribuída, e permitirá afondar na xestión de hábitos de consumo e da demanda eléctrica.

“Quero felicitar á Comunidade Terapéutica de Val do Dubra, e a todo o equipo de Proxecto Home Galicia, polo traballo que desinteresadamente realizan cada día e que lles ten permitido apoiar, no último cuarto de século, a preto de 20.000 galegos na súa adición ás drogas”, afondou o conselleiro. Un labor exemplarizante, explicou, ao que suman a aposta pola eficiencia enerxética e as fontes renovables, en liña coa política enerxética da Xunta que este ano estase a materializar xa no Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética nas Vivendas Galegas ou na orde de biomasa, que mobilizan de xeito conxunto 37 millóns.

8 de setembro de 2015 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.