O Centro de Día de AFAL celebra o oitavo aniversario cunha gran festa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Festa de aniversario de AFAL

Festa de aniversario de AFAL

Os usuarios do Centro de Día Terapéutico de AFAL Ferrolterra e os seus familiares foron os grandes protagonistas da celebración do oitavo aniversario das instalacións, situadas na rúa Río Castro da cidade naval. As primeiras destas características abertas por unha asociación en Galicia.

O presidente da entidade, José Manuel Maceiras, lembrou que a actividade, que daba comezo ao catro e media da tarde, incluíase no calendario de actos deseñado para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer. No transcurso da festa, e baixo a dirección da pintora María Porto, os usuarios realizaron, xunto aos seus fillos, parellas ou netos, un gran cadro que pasará a formar parte da decoración do propio centro. A continuación, puideron gozar dunha merenda a base de doces e refrescos e dun baile amenizado polo acordeonista Iker Díaz Villaverde. Ademais, o presidente de AFAL non quixo deixar pasar a oportunidade de destacar a importancia das instalacións, pioneiras na comarca, para o tratamento e atención aos enfermos de alzheimer.

De luns a venres, desde as 10 até as 19 horas, atende a unha media de corenta persoas afectadas pola enfermidade. O obxectivo é retardar ao máximo os seus efectos e, para iso, os usuarios participan en diferentes terapias e talleres (psicomotricidade, memoria, estimulación cognitiva, relaxación, orientación témporo-espacial, musicoterapia…). Non só iso, o equipo interdisciplinar de AFAL Ferrolterra tamén presta apoio aos familiares a todos os niveis, desde a resposta a consultas sociosanitarias até o apoio a nivel xurídico. A próxima semana a festa trasladarase ao Centro de Día da Rede Pública, situado na antiga Casa do Mar e tamén xestionado por AFAL. O xoves 17, usuarios, familias e equipo festexarán o primeiros cinco anos de vida das instalacións.

11 de setembro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.