publicidade hoxe

O CEIP Barrantes de Ribadumia contará cunha nova caldeira de biomasa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta tarde o concello de Ribadumia para analizar co alcalde do municipio, David José Castro, as obras de reforma da instalación da calefacción que se van a poñer en marcha en breve no CEIP de Barrantes.

Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

A obra supón a substitución de parte do sistema de xeración do calor actual, que utiliza como combustible gasóleo, por caldeiras que utilizarán como combustible a biomasa. “Estes traballos suporán un investimento de máis de 140.000 euros e atópanse como prioritarias dentro dos proxectos a executar pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación”, matizou o responsable da Xunta en Pontevedra.

Estas obras son froito do acordo entre a anterior Deputación de Pontevedra, a Consellería de Educación, e o concello de Ribadumia por un montante total de 400.000 euros, o que supón que o concello aportara 209.000 euros para diferentes melloras do colexo, e a Xunta 140.000 para a caldeira de biomasa, así como 60.000 euros para a reforma eléctrica. Ademais a Consellería de Educacion tamén levou a cabo, o peche parcial da parcela, a reparación dos petos da cuberta do módulo infantil, a reposición da pintura das fachadas, a modificación de espazos en aulas e no comedor, así como varias melloras no ximnasio do centro.

Cores Tourís destacou así mesmo que nos últimos anos lévanse realizado diversas obras de mellora e reforma neste centro que roldan os 180.000 euros “aos que agora haberá que sumar á presente obra”, e dicir, 140.000 euros máis.

A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo para o próximo curso na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos” engadiu.

2 de setembro de 2015 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.