publicidade hoxe

O C.R.D.O. Ribeiro presenta o seu sistema de xestión integral automatizado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseRibadavia
A-
A+
Visita á adega Viña Costeira

Visita á adega Viña Costeira

O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso Diéguez, xunto co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, veñen de presentar a aplicación para realizar o control e certificación de vendima, desenvolta dentro do Sistema de Xestión Integral Automatizado e de alta mobilidade para o Consello Regulador e o seu Órgano de Control e Certificación, proxecto financiado pola Deputación de Ourense cun investimento de 50.000€, que introduce ao Ribeiro nas novas tecnoloxías e dota a esta entidade dunha alta efectividade no garante da calidade dos seus viños dende a viña ata o mercado, tal e como queda reflectido nos obxectivos do Plan Estratéxico 2014-2016.

Na era actual as novas tecnoloxías son panca estratéxica para a eficiencia dos procesos produtivos e a aportación de valor, axilizando os métodos e resultados. Por todo elo, os datos sobre a vendima 2015da D.O. Ribeiro serán procesados e actualizados minuto a minuto grazas á nova aplicación que todos os inspectores posúen nas súas tablets, elemento que brinda un toque innovador e adaptado aos novos tempos. Mediante este sistema, os controis de vendima dos inspectores que verifican as entregas realizadas nas distintas adegas veríase moi axilizado, ao envorcarse os datos na nube de información que a posteriori pasarían ao servidor do Consello Regulador e na web, tendo desta maneira acceso aos datos de inmediato tanto o propio Consello como os correspondentes operadores. O presidente do C.R.D.O. Ribeiro declarou “deste xeito poremos máis en valor ao Ribeiro e garantiremos o proxecto dende o viñedo ata a botella mostrando transparencia total para que se saiba todo o que se está a facer ante todos ata chegar ao consumidor final”

Este sistema de xestión integral automatizado é unha ferramenta que engloba, sistematiza e coordina todos os procedementos do sistema de calidade en tempo e forma. As operacións básicas de control de calidade, así como os rexistros correspondentes das distintas inspeccións e auditorías de viñedo, adega ou mercado, control de produto, análises organolépticas, emisión de precintas certificadoras,  estarían informatizadas, mediante formularios, listas de revisión, autoformatos e aplicacións de maneira sistematizada e relacionada coas bases de datos do Consello Regulador. 

Por todo elo, conta cun avanzado software de xestión e un completo hardware asociado, que recolle a documentación, procedementos, rexistros, información, relaciónaos e permite unha efectiva translación de datos, minimizando erros e recursos, é dicir que xera unha efectividade e fiabilidade do traballo e servizos que presta o Consello Regulador aos integrantes da Denominación de Orixe e aos consumidores finais do noso produto. 

Así mesmo, é un importante instrumento para as adegas, facilitándolle información constante de datos cualitativos, cuantitativos e de trazabilidade do seu produto, permitindo dese xeito a comparativa obxectiva e mellora constante do mesmo. A súa vez convertese nun escaparate dos viños da D. O. Ribeiro, aportando transparencia e un maior garante de calidade e orixe ante o consumidor, que disporá de acceso vía web a determinados datos de trazabilidade certificados polo Consello Regulador. O presidente da Deputación de Ourense engadiu “con este sistema marcarán un hito, sobre todo na percepción que terá o público, é unha boa nova que este Consello Regulador se vaia a situar á vangarda dos Consellos Reguladores de España, porque iso á súa vez é bo para Ourense”.

O desenvolvemento técnico foi un proceso de 14 meses de plausabilidade operativa do deseño, produción, proba e implantación, no que o C.R.D.O. Ribeiro contou cos servizos da enxeñería galega I3Te, a cal desenvolveu con éxito a novidosa aplicación, única no mercado.

Vendima 2015

Actualmente a vendima estase presentando como unha das mellores dos últimos anos, equilibrada en cantidade e cunha maduración e sanidade exquisitas. Levamos recollido un 12% dos 14 – 15 millóns de quilos de uva que estimamos recepcionar, o que nos sitúa na media da  Denominación de Orixe e que supón un aumento do 25 % con respecto ao recollido na anterior colleita, aínda que se atopa dentro da produción normal da D.O.

Climatoloxicamente pódese destacar que a integral térmica rexistrada este ano xerou un adianto no desenvolvemento do ciclo da vide xa dende primavera e consecuentemente un adianto con respecto ás datas habituais de comezo da vendima no Ribeiro. Pero aínda que a mencionada integral térmica foi máis alta do normal, os marcados diferenciais térmicos rexistrados no mes de xullo, favoreceron a formación de compoñentes aromáticos, aportando complexidade e intensidade, así como a conservación do frescor, importantes características que identifican aos viños do Ribeiro.

Así mesmo destacamos as escasas precipitacións que evitaron a proliferación de enfermidades criptogámicas, as uvas conservan unha sanidade excelente, o que á súa vez evitou tratamentos, abundando deste xeito na calidade das uvas; factor que nos permite esperar o momento óptimo de maduración para vendimar. Ademais, os nosos solos de baixa capacidade de campo xeraron un estrés hídrico na planta, factor importante para unha produción de uva de calidade, favorecendo a elaboración de viños con extracto e sobre todo con personalidade, coa esencia dos solos e o entorno da Denominación de Orixe.

Finalmente agosto e setembro estannos a ofrecer temperaturas máis suaves e algunha precipitación, o que permite que a planta puidera finalizar a maduración lentamente, factor importante para os nosos viños que permite o equilibrio nas maduracións fenólica e glucídica, así como a conservación do frescor e expresión aromática, mostrando así o carácter atlántico equilibrado dos nosos viños.

18 de setembro de 2015 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.