publicidade hoxe

O Burela Pescados Rubén cae ante o Palma Futsal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+
Encontro do Palma Futsal co Burela

Encontro do Palma Futsal co Burela

O Burela Pescados Rubén regresa de Palma de Mallorca con sensacións contraditorias trala derrota ante o Palma Futsal (3-1) xa que a escuadra mariñá realizou outro bo partido pero sen a recompensa merecida dos puntos. O encontro caracterizouse pola igualdade entre ambos contendentes durante a primeira parte, ambos equipos presionaban ben ao seu rival e gozaron de oportunidades para abrir o marcador pero os porteiros evitaron que se movese o empate inicial ata que Tomaz aproveitou unha xogada individual de Taffy para situar o 1-0 ao bordo do descanso.

Na continuación, a intensidade seguía presente en Son Moix e aínda que os burelaos xeraron perigo para lograr o empate os insulares mostraron maior eficacia. De novo Tomaz erixiuse en protagonista ao marcar o 2-0, minuto 25, dando paso a uns momentos de desasosego laranxa. Os de Daniel Ibañes lograron reaccionar e elaboraban ben o xogo pero faltáballe culminar ata que Jorge Bellvert situou o 2-1, minuto 30. O gol do Burela xerou inquietude nas filas mallorquinas que xa tiña o cupo de faltas cuberto nese instante. O Burela sumaba méritos para alcanzar o empate, con Chino como referencia ofensiva, ante un Palma que recuaba e que se encomendaba á súa calidade individual. O choque decantouse para os locais no minuto 38. Xogada polémica no área de Barrón con Chano como protagonista para marcar o empate que finaliza con disparo de Pizarro desde a súa pista para marcar o 3-1 definitivo a porta baleira. 

18 de setembro de 2015 | 22:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.