O BNG expresa a súa repulsa polo caso de violencia de xénero en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Carme Adán expresou este luns, en nome da formación á que pertence, a súa “enérxica repulsa” polo novo caso de violencia de xénero rexistrado en Vigo este domingo. A través dun comunicado, a parlamentaria nacionalista reclamou que se incorpore á lexislación a figura do “feminicidio” e se destinen máis recursos para o apoio a mulleres vítimas da violencia machista. “Non chega con convocar o minuto de silencio”, engadiu.

Esta petición produciuse tras a morte dunha muller de 46 anos e natural de Brasil en Vigo e a detención dun home, de 31 anos e parella da vítima, que prestará declaración no xulgado de violencia sobre a muller da cidade olívica.

O propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou este luns que non constaban denuncias previas por violencia de xénero. Á espera dos resultados da autopsia, os indicios apuntan “a unha morte violenta como consecuencia dun ou máis golpes”, segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia.

7 de setembro de 2015 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.