O BNG cre que hai moito que mellorar nas políticas da Marea Atlántica nos 100 primeiros días de goberno
A concelleira do BNG no Concello da Coruña Avia Veira considerou que estes 100 primeiros días de mandato da Marea Atlántica supuxeron “un cambio” respecto das políticas anteriores, aínda que argumentou que “queda moito por mellorar”.
En rolda de prensa, a edila nacionalista destacou que, entre os cumprimentos da Marea, están “a apertura” aos grupos da oposición das mesas de contratación e os consellos de administración das empresas municipais e a creación dunha quenda de rogos e preguntas aos veciños.
De actuacións anunciadas, sinalou que cuestións como o cumprimento da Lei de Memoria Histórica e unha tributación progresiva “máis xusta”, estarían “ben se se executasen de maneira decidida”. Por iso, convidou ao goberno municipal a “pasar á acción” e ir “máis aló da política de xestos”.
No que se refire ás actuacións que cualificou como “non anunciadas”, sinalou unha auditoría da débeda do concello para reducir a súa carga e unha aposta pola banca ética, “algo que o BNG entende que se podía facer cando se solicitou o préstamo de 11 millóns de euros”.











