O aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña está executado ao 75% e rematarase no vindeiro mes de novembro

Ethel Vázquez na visita ás obras do aparcadoiro de Pontepedriña. Foto: X. Crespo
Ethel Vázquez adianta que o aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña, en Santiago, está executado ao 75 % e se rematará no vindeiro mes de novembro. Así o asegurou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na súa visita ás obras deste aparcadoiro, na que tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
A conselleira explicou que este aparcadoiro contará cun total de 196 prazas para vehículos e 30 para bicicletas, todas elas gratuítas, grazas ao investimento de 840.000 euros por parte da Xunta.
O aparcadoiro execútase sobre unha parcela situada baixo o viaduto do ferrocarril, moi próxima á estación de tren, e nas inmediacións do nó de Cornes, da SC-20 e da glorieta da Galuresa. A súa situación garántelle unha moi boa conexión coa rede viaria e ferroviaria de Santiago.
Ethel Vázquez explicou que tanto a súa localización, como as boas conexións cos medios de transporte colectivo, fan prever que esta infraestrutura será utilizada cada día por centos de cidadáns que se acheguen a Compostela. Engadiu que isto favorecerá a mobilidade e a accesibilidade; contribuirá a aliviar a intensidade de tráfico que se rexistra nas rúas do centro da cidade; e reportará beneficios ao medio, ao reducir a pegada do carbono.
Vázquez lembrou que esta intervención verase complementada co acondicionamento da parada de bus existente na rúa de Amor Ruibal, baixo o viaduto do ADIF, con actuacións de mellora da beirarrúa na zona de parada e da iluminación do contorno. Precisou que estes traballos buscan potenciar, no posible, a mobilidade e a utilización dos medios de transporte colectivo, ademais de contribuír á posta en valor desta zona da cidade.
Exemplo de cooperación
Por outra parte, a titular de Infraestruturas destacou que o aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña é unha mostra de que a cooperación e o traballo conxunto entre administración dá resultados
Ethel Vázquez agradeceu a colaboración brindada polo Concello de Santiago para a execución desta obra, tanto a do anterior Goberno municipal, que fixo posible a actuación, coa sinatura do convenio para levar a cabo estes traballos; como do actual Executivo local, polas súas suxestións sobre o deseño final do aparcadoiro.
Vázquez concluíu que esta infraestrutura é un claro exemplo da vontade de cooperación das distintas Administracións cando se trata de levar a cabo infraestruturas que melloran as condicións de mobilidade e a accesibilidade dos cidadáns e, en definitiva, a súa calidade de vida.











