O Anthem of the Seas pon o broche de ouro ao mellor setembro da historia do porto de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Anthem of the Seas

Anthem of the Seas

O xigante ‘Anthem of the Seas’ será o encargado de pechar as escalas de cruceiros previstas para o mes de setembro no Porto de Vigo. Un mes no que se rexistraron uns datos excelentes en canto  ao tráfico de cruceiros se refire, ao recibir a un total de 75.000 persoas -entre pasaxe e tripulación- que chegaron a Vigo a través do mar.

Sen dúbida, trátase do mellor mes de setembro da historia do porto. Do total de turistas que nos visitaron ao longo destas 18 escalas, o 90% foron estranxeiros, o que converte á dársena viguesa en porta de entrada do turismo internacional na cidade. 

Nun só mes, chegaron máis visitantes a Vigo que en cinco anos. Esta chegada masiva de visitantes, tivo tamén unha clara repercusión económica. De acordo cun estudo elaborado pola Universidade de Vigo, as 75.000 persoas que nos visitaron ao longo deste mes, gastáronse na cidade preto de 4,4 millóns de euros. Unha cifra que se eleva até os 84 millóns de euros de gasto se temos en conta os últimos cinco anos, nos que o Porto de Vigo recibiu a visita de 1,5 millóns de turistas -o 96% estranxeiros-.

Estas cifras demostran, unha vez máis, que este sector é bo para a cidade de Vigo, que continúa sendo líder en tráfico de pasaxeiros de cruceiro en todo o noroeste peninsular. 

Un xigante en pleno centro

O ‘Anthem of the Seas’ deixará hoxe en Vigo a máis de 5.700 persoas (4.200 pasaxeiros e 1.584 tripulantes). Procedente de Southampton (Gran Bretaña), chegou ás 10.15 horas e está previsto que sobre as 19.00 horas abandone a Estación Marítima para pór rumbo a Lanzarote.

O ‘Anthem of the Seas’ pertence á naviera ‘Royal Caribbean’ e ten 350 metros de eslora e 40,8 metros de manga. Ao longo deste ano protagonizará un total de dez escalas no Porto olívico, deixando en Vigo a, aproximadamente, 55.000 persoas, o que reforza, sen dúbida,  a posición de Vigo como porto de referencia para as navieras e consolida o liderado que, desde hai anos, exerce a dársena olívica no Norte de España en canto a número de cruceiristas.

Pertencente á nova ‘Clase Quantum’, o ‘Anthem of the Seas’ conta con 16 cubertas e un rexistro bruto de 167.800 toneladas. Está considerado como o barco do futuro, ademais de ostentar o segundo posto entre os cruceiros máis grandes do mundo. Conta con grandes novidades, como o primeiro simulador de paracaidismo en alta mar, un guindastre atalaia que transporta aos pasaxeiros a máis de 90 metros de altura e desde onde poden gozar das mellores vistas, as zonas de lecer máis vangardistas, que inclúen os complexos de deporte e entretemento cubertos máis grandes en alta mar con coches de choque, patinaxe e moito máis.

Ademais, dispón dos camarotes máis grandes e modernos de  toda a historia de ‘Royal Caribbean’, que inclúen os primeiros balcóns virtuais da industria. Así mesmo, os pasaxeiros poderán gozar da extensa variedade gastronómica dos seus 18 restaurantes, dos seus shows e os seus espectáculos no ‘Music Hall’, ‘Royal Theater’, e a ‘Royal Esplanade’. 

Primeira escala mundial

Pero se por algo destaca o ‘Anthem of the Seas’ é por escoller Vigo como primeiro porto do mundo onde fixo escala o buque, tras a súa inauguración en Gran Bretaña.

Terá a súa base en Southampton (Reino Unido) até o mes de outubro, desde onde visitará o Mediterráneo e as Illas Canarias. No mes de novembro, trasladarase a Nova York. Cape Liberty será o seu porto base, desde onde realizará cruceiros regularmente ás Bermudas, o Caribe e Canadá e Nova Inglaterra.

30 de setembro de 2015 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.