O alcalde de Vilagarcía acompaña a zona aberta á dirección xeral de comercio para falar do proxecto comercial de Megasa
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, acompañará aos representantes de Zona Aberta á reunión que o colectivo manterá mañá en Santiago coa directora xeral de Comercio para abordar o asunto do proxecto para a construción dunha grande área comercial na finca de Megasa. Tamén acudirá á cita a concelleira de Urbanismo, Paola María.
O grupo de goberno socialista quere facer constar ante a administración autonómica o seu apoio ás reivindicacións da asociación do pequeno comercio en contra da implantación dunha nova gran área comercial na finca da Avenida das Carolinas, así como comentar á responsable de Comercio que este tipo de superficies non entran no modelo de cidade que o goberno local quere implantar en Vilagarcía.
O colectivo de comerciantes pedirá información á directora xeral sobre o estado de tramitación do proxecto do Alcampo e comunicará as accións que teñen previsto levar a cabo para tratar de frear a medida, a través dunha campaña de presentación de alegacións. Ola súa banda, o goberno local informará de que por parte do concello se están analizando as vías xurídicas existentes conforme a lei para tratar de evitar a implantación desta área comercial ao considerar que as grandes superficies na periferia contribúen á desertización do pequeno comercio dos centros urbanos e á correspondente morte dun sector que en Vilagarcía ten moito peso.











