O alcalde de Narón asinou tres convenios de colaboración coa Fundación Terra de Trasancos, Cruz Vermella e a Asociación de Veciños Virxe de Fátima

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+
Sinatura dos convenios

Sinatura dos convenios

O Concello de Narón acolleu esta mañá o acto de sinatura de tres novos convenios de colaboración por un importe conxunto de 28.300 euros. O alcalde, José Manuel Blanco, rubricou os acordos cos presidentes da Fundación Terra de Trasancos, Juan Manuel Pereira; Cruz Vermella, Francisco Vázquez, e a Asociación de Veciños Virxe de Fátima, Maribel Mouriz no transcurso dun acto ao que tamén acudiu a concelleira de Acción Social e Participación Cidadá, Catalina García.

A Fundación Terra de Trasancos, do Val, percibirá da administración local 15.000 euros, unha cantidade que se destinará á utilización de instalacións para programas municipais e tamén á realización de actividades propias da entidade. A achega económica para Cruz Vermella é de 8.000 euros, partida con cargo á que se poderán solicitar ambulancias para a celebración de eventos no municipio naronés (ata un máximo de 21 actos) e, por último, a Asociación de Veciños Virxe de Fátima, de Freixeiro, que recibirá 5.300 euros para a cesión do local para programas municipais.

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, comprometeu aos representantes destas entidades “como mínimo” unha axuda do mesmo importe con cargo ao orzamento municipal de 2016, colaborando economicamente para que poidan continuar desenvolvendo as súas respectivas actividades e funcións ao longo do ano.

29 de setembro de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.