O alcalde da Coruña cre que o resultado confirma que Podemos é un máis e apela a unha fronte ampla para as xerais
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou que os resultados de Catalunya Sí que es Pot nas eleccións catalás evidenciaron que Podemos “é un máis no motor de cambio” e que hai que ir “a unha fronte ampla de unidade popular”. A preguntas dos xornalistas, ante os pasos que se están a dar en Galicia para conformar unha candidatura de unidade de cara aos comicios xerais, Ferreiro recalcou que o resultado de Catalunya Sí que es Pot “non é bo” e, por iso, avogou por construír “un proxecto de unidade”.
“Un proxecto de acumulación de forzas construído dende abaixo para as xerais”, demandou, en alusión a uns comicios sobre os que se mostrou convencido de que a situación será “outra”.
Así, Ferreiro fixo fincapé en que “as xerais non son as autonómicas catalás” e sinalou que “a lección” que debe extraerse da cita do domingo é “a necesidade de ir a unha posición de acumulación de forzas, con sedimentos sólidos”.
“ESTRATEXIA ERRÓNEA” DO PP
Ao fío das catalás, o rexedor coruñés cualificou de “estratexia errónea” o posicionamento do PP en relación cos movementos soberanistas. “Non se pode facer a avestruz, escondendo a cabeza”, sentenciou.
Así, remarcou que “o encaixe de Cataluña no Estado segue aí”, malia que apostilou que “a primeira sensación (tras os resultados obtidos polos bloques soberanistas e os que rexeitan esta opción) é que tampouco cambiaron substancialmente as cousas”.
Con todo, xulgou que o resultado para o presidente da Generalitat en funcións, Artur Mas, non foi “bo”. “O ascenso da CUP dio así”, interpretou.











