O alcalde da Coruña comeza o novo curso político convocando a Xunta de Portavoces
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, dou por iniciado o novo curso político coa convocatoria da Xunta de Portavoces do Goberno para mañá mércores, coa intención de preparar o Pleno que se levará a cabo o vindeiro luns. Ademais, o rexedor solicitou a celebración de reunións de carácter bilateral con todos os voceiros e voceiras dos grupos municipais. En concreto, e segundo informou hoxe aos medios en rolda de prensa, esta tarde manterá unha xuntanza con José Manuel Dapena, do PSOE. Está previsto que mañá teña lugar a reunión con Avia Veira (BNG) e o xoves con Carlos Negreira (PP).
“A nosa intención é comezar setembro con entrevistas bilaterais para marcar as regras de xogo para este novo curso político, para analizar os retos que se nos presentan por diante e marcar as liñas de colaboración necesarias polo ben da cidadanía”, explicou o alcalde. Ferreiro manifestou que todo o Goberno municipal afronta esta nova etapa con “ilusión” e “coa esperanza de que ese tempo novo que inauguramos despois das municipais siga adiante e se continúe visualizando o cambio político que iniciamos”. O alcalde reiterou o compromiso do Executivo local de poñer en marcha durante este outono as 25 medidas comprometidas en campaña electoral. “Unha vez avaliado o estado no que se atopan, cremos que estamos en disposición de impulsar todas estas iniciativas, e de cumprir xa varias delas antes de finalizar o ano”, indicou.
Por outro lado, o alcalde coruñés anunciou as novidades do próximo Pleno municipal do luns. “Será o primeiro no que se inclúa xa a figura do escano cidadán, co que as veciñas e veciños da Coruña poderán participar e facer as súas propias preguntas”, dixo. “Ademais, abordaránse dous temas importantes, nos que esperamos acadar o apoio de todos os grupos con representación no Concello”, comentou.
En concreto, a intención do Goberno da Coruña é que no Pleno do vindeiro luns todos os grupos con presenza na Cámara apoien dúas iniciativas de grande interese para a cidade e a veciñanza en xeral. “Un é a solicitude ao Porto da cesión dos terreos da Mariña e da Avenida de Montouto, que son bens patrimoniais portuarios”, anunciou. “Imos pedir que o Pleno por unanimidade solicite que a titularidade deses terreos, tal e como autoriza a Ley de Portos de Galicia, sexan traspasados ao Concello. Parece algo de sentido común, xa que falamos dunha zona verde e dun viario”, argumentou.
Por outro lado, o alcalde tamén amosou a intención de solicitar un pronunciamento do Pleno “para que o Goberno e os grupos poidan introducir unha serie de emendas nos orzamentos xerais do Estado para que se atendan os investimentos máis necesarios para a cidade da Coruña”. Ferreiro enumerou temas de “principal importancia” como o Plan de Mobilidade, os accesos ao Porto Exterior, ou o proceso de dragado e rexeneración da Ría do Burgo, entre outros. “Isto non pode ser unha iniciativa de Goberno, é unha cuestión de cidade, máis alá dos intereses de cada partido. Cremos que pode haber unha unanimidade, porque non estamos a falar de defender os intereses deste Goberno, falamos dos da cidade da Coruña e dos seus veciños e veciñas”, explicou.
Por outro lado, e con respecto a xuntanza que manterá o próximo venres en Barcelona con oito alcaldes, Ferreiro desbotou a posibilidade de que os rexedores acodan aí para artellar unha sorte de fronte electoral. “O obxectivo non ten que ver con preparar as eleccións xerais nin nada semellante, tratase dunha reunión dunha serie de concellos de todo o Estado que teñen unha visión semellante dos seus obxectivos municipais, e que queremos, e xa estamos de feito, compartindo experiencias e traballo en rede”, comentou. “Cremos que é importante que A Coruña estea nesta xuntanza, na que se atopan os dous concellos máis importantes do Estado en canto a termos de poboación e relevancia económica. Entendemos que temos que congratularnos de que esteamos compartindo formas de traballo con estas dúas cidades e con outras máis, todas elas relevantes”.











