O 97% dos pacientes atendidos nas unidades de atención diagnóstico terapéutico móbil recomendarían o seu uso
O 97,5% dos pacientes intervidos nas unidades de atención diagnóstico-terapéutico móbil recomendarían a outros doentes a atención nestas instalacións. Este dispositivo obtivo unha puntuación media de 4,77 nunha escala do 1 ao 5 por parte dos pacientes e, na mesma escala, máis do 61% puntúan cun 5 a totalidade dos aspectos a valorar, entre os que se atopan o acceso, confort, temperatura, iluminación, illamento acústico, espazo, intimidade e equipamento.
Así o adiantou hoxe o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Ramón Ares Rico, nunha xuntanza cos responsables das Xerencias de Xestión Integrada na que se lles presentaron as unidades con motivo da finalización do uso dos dispositivos como cirurxía maior ambulatoria no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Esta enquisa realizouse por medio dun formulario a todos os pacientes intervidos nos puntos de atención móbiles durante o mes de setembro e, aínda que os datos non son os definitivos, pódese facer unha valoración positiva da aceptación por parte da cidadanía.
Actividade das unidades
Dende o inicio do mes de setembro, e tras configurar as unidades e levar a cabo todas as comprobacións técnicas e microbioloxicas, e acadar a autorización das autoridades sanitarias, a activade iniciouse o día 8 de outubro cos primeiros doentes.
Nos 16 días laborables no que o dispositivo estivo a traballar ata o pasado día 25 de setembro realizáronse un total de 80 procedementos, 35 do Servizo de Dermatoloxía, 14 do Servizo de Cirurxía Xeral, 14 do Servizo de Uroloxía, 10 do Servizo de Traumatoloxía, e 7 do Servizo de Cirurxía Vascular . Todos os procedementos contaron coa supervisión do Servizo de Medicina Preventiva e da participación do Servizo de Anestesia. A estes procedementos súmanse, coa correspondente avaliación de pacientes e profesionais, os correspondentes aos desenvolvidos os días 28, 29 e 30, para completar o estudo.
Funcionamento das unidades
Para o desenvolvemento da cirurxía maior ambulatoria no CHUO, os dous puntos de atención estiveron unidos por unha pasarela, de xeito que un deles constituía unha zona de adecuación ao medio e o outro un quirófano completo. Os dous espazos sumaban unha superficie de case 100 m2, que actuaba completamente integrada nos quirófanos do complexo hospitalario tanto no que se refire ao persoal -xa que son os propios profesionais dos quirófanos os que desenvolveron as cirurxías- como o material que se usa, que tamén é o do propio CHUO.
No mes de outubro, finalizada a proba como espazo cirúrxico, as unidades desprazaranse a dous centros de saúde ourensáns -na Gudiña e Ponte Noalla- onde actuarán de forma separada para probar o resto de escenarios: centro de saúde, probas de atención primaria, cirurxía de atención primaria e formación para pacientes.
Obxectivos do proxecto
Esta iniciativa estase a levar a cabo no marco do convenio Innovasaúde, de colaboración co Ministerio de Economía e Competitividade, financiado con fondos Feder de Innovación, dentro do proxecto denominado Punto de Atención Diagnóstico Terapéutico Móvil.
O seu obxectivo é atender as necesidades conxunturais polo incremento da actividade asistencial en zonas que ven aumentada substancialmente a súa poboación en determinados períodos -como a época estival- ou ante o caso de situacións concretas de emerxencia, continxencia ou estacionais.
Ademais, posibilitará resolver as circunstancias de asistencia xeradas por factores de tipo estrutural, como poderían ser unhas reformas nun centro de saúde, nun consultorio rural ou incluso nun quirófano. Doutra banda, poderán ser empregados para impartir formación a pacientes e coidadores en hábitos de vida saudables, actividades preventivas ou para formar a profesionais no manexo de diferentes técnicas diagnósticas e terapéuticas.
Deste xeito increméntase a eficacia da atención sanitaria en xeral e, en particular, da atención primaria, achegando probas diagnósticas ou cirurxía menor a centros nos que non se dispón delas, mellorando a equidade entre pacientes e diminuíndo a variabilidade.











