O 4º Autocross Carballo espera aos mellores pilotos galegos no Circuíto de Motor de Bértoa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación do 4º Autocross Carballo

Presentación do 4º Autocross Carballo

Aínda que o prazo de inscrición non pecha até o mércores 16 de setembro ás 20.00 horas, xa está todo practicamente listo para a celebración o sábado 19 do 4º Autocross Carballo, a antepenúltima cita do Campionato Galego de Autocross. A proba tamén puntúa para a Copa de Galicia e está organizada pola Escudaría Máis Motor coa colaboración do Concello con Carballo Deporte, e a Federación Galega de Automobilismo. Estaba previsto que a cita fose a penúltima do Campionato Galego, pero finalmente o traslado do Autocross Xacobeo de Santiago, que non chegou a celebrarse en agosto polo mal tempo, fai que aínda resten outras dúas probas, ademais da carballesa, para decidir a clasificación final.

De todos os xeitos, como todo está por decidir en todas as categorías, prevense carreiras divertidas e espectaculares no Circuíto de Motor de Bértoa. Ademais, espérase unha elevada presenza de público, nomeadamente despois de que se superaran as 1.300 persoas na proba celebrada en xuño, na que, segundo explica o presidente de Máis Motor, Juan Puga, bateron todos os récords de participación nas probas que Máis Motor ten celebrado até o de agora. Puga espera que a inscrición se peche con arredor de 80 pilotos, mantendo a media, e espera tamén que se cumpran as predicións meteorolóxicas e o tempo mellore para a fin de semana.

A listaxe de inscritos publicarase o mércores 16 a partir das 23.00 horas, mentres que o sábado 19, día da proba, os adestramentos comezan ás 12.00, as mangas a partir das 15.30 horas coas semifinais, e as finais serán a partir das 17.30 horas.

Respecto dos favoritos, en kartcross é onde está máis clara a clasificación, co carballés Maikel Vilariño como líder on 55 puntos máis que Joaquín Chamorro. O terceiro é outro carballés, Javier Ramilo Queijo. En menos de 1.600 cc a loita está entre dous carballeses: Alberto Varela e Daniel Castro. O primeiro ten 197 puntos e o segundo, 148. En máis de 1.600 cc, o larachés Gabriel Serrano mantén unha diferenza de tan só 14 puntos co pontevedrés Celestino Igrexas. E finalmente, en 4×4 o cercedense Perfecto Calviño é o líder con 33 puntos máis que o seu perseguidor, Esteban Pérez. Espectáculo asegurado nunha cita que reúne aos mellores pilotos galegos.

15 de setembro de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.