Novos equipamentos para #ocamiñodailusión do Rio Natura Monbus Obradoiro

Novos equipamentos
O Rio Natura Monbus Obradoiro estreará esta tempada un novo deseño nos equipamentos que o acompañarán en #ocamiñodailusión, curso marcado pola Copa do Rei 2015 na Coruña, a celebrar entre o 18 e o 21 de febreiro. A roupa de xogo, así como o resto de pezas oficiais do persoal, está fabricada pola marca Vive, que cumpre así a súa terceira tempada vestindo ao conxunto galego.
Precisamente a vestimenta para a citada Copa do Rei foi a primeira que a afección obradoirista coñeceu, xa no pasado curso e durante o partido ante o Real Madrid no Fontes do Sar. En tons azuis, a camiseta evoca á bandeira galega, cunha franxa celeste cruzando o peito.
O primeiro equipamento para esta campaña terá como cor base o branco, mentres que na segunda primará o azul mariño, ambas con detalles laterais e no pescozo de cor vermella. Cunha gran similitude estilística ao modelo da pasada tempada, “a camiseta utiliza o rombo como elemento central e moderno do seu deseño. Do primeiro equipamento destaca a utilización de elementos neutros, mentres que a segunda, utilizando as cores clásicas do club, fai unha chiscadela á década dos 80”, declara Pablo García, director de mercadotecnia de Enfios Texgroup, socio estratéxico do club e que participou activamente no deseño das pezas, como en todos os produtos de merchandising da entidade.
De novo, os equipamentos levarán a Rio Natura e a Monbus como patrocinadores principais na dianteira, e a Cenor encima do dorsal traseiro. A primeira ocasión na que poderemos ver aos obradoiristas lucir esta camiseta na Caldeira será no partido de presentación ante o F.C. Porto, a celebrar o 4 de outubro ás 19.00 horas con motivo do XLV Aniversario do club.
As entradas xa están á venda para este encontro, tanto mediante a web do club (www.obradoirocab.com) como en oficinas, e até o 24 de setembro, terán un prezo reducido de 5 euros para abonados (no seu mesmo asento) e para menores de 18. Os Amigos da Fundación Heracles, pola súa banda, poderanas adquirir a este prezo reducido indefinidamente. A partir do 24 de setembro, o prezo xeral será de 12 euros en calquera dos sitios dispoñibles.











