Noriega móstrase optimista sobre a creación dunha candidatura galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago e covoceiro de Anova, Martiño Noriega, mostrouse este venres “optimista” en relación á confluencia para unha candidatura galega de cara ás eleccións xerais de final de ano. Con todo, admitiu que os procesos de acumulación de forzas da unidade popular son “convulsos”.

“Veño vivindo nos procesos de acumulación de forzas da unidade popular estes últimos anos. Ningún foi doado, todos foron convulsos, e ao final sempre houbo pasos adiante”, reflexionou tras ser preguntado ao respecto, para logo subliñar que quere ser “optimista” en relación á confluencia para unha candidatura galega.

Neste sentido, Noriega referiuse á súa propia experiencia: “Nós pasamos por ese proceso de unidade popular, vimos os resultados e facemos ese chamamento a esa necesidade”, explicou, xusto antes de confesar que os partidarios desa candidatura levan “semanas” vivindo “nun minuto de partido e resultado”.

A este respecto, Noriega admitiu que este asunto é “algo” que le “esgota”. Por iso, considera que este proceso “pagará a pena se, ao final de partido, hai candidatura de unidade popular e presenza do que é a esquerda social e partidaria no Congreso dos Deputados”.

Preguntado entón por se considera que este asunto se desenvolve de xeito lento, o alcalde de Santiago e covoceiro de Anova explicou que “a análise se vai facer dependendo de se se cumpren ou non os obxectivos”.

“Se conseguimos unidade popular e unha presenza forte desa esquerda social e esa esquerda partidaria direi que todo este proceso pagou a pena e, se non, direi que non estivemos á altura das circunstancias”, resolveu.

Sobre este asunto, unha das plataformas favorables á confluencia para unha candidatura galega, Iniciativa pola Unión, propuxo este xoves a outro dos colectivos que traballan nesta vía, Encontro por unha Marea Galega, convocar conxuntamente un encontro para a última fin de semana de setembro encamiñado a iniciar “o proceso unificado”.

18 de setembro de 2015 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.