Nicolás González salienta o éxito da Escola de Verán como modelo de integración e de conciliación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

Un total de 55 rapaces e rapazas de entre 3 e 17 anos participaron na Escola de Verán con Comedor posta en marcha polo Concello, unha iniciativa que se desenvolveu no colexio Manuel Rivero desde principios do mes de agosto. O tenente de alcalde e concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, valorou hoxe a experiencia como “moi positiva” e salientou que as familias beneficiarias “expresaron a súa satisfacción polos resultados que ofreceu a Escola”.

Casares apunta tamén que a iniciativa vai “marcar tendencia no futuro”. De cara ao vindeiro curso “temos a intención de que sexa un servizo que se active ao remate do período lectivo e se prolongue durante todo o verán ata  o inicio do seguinte”. 

Ademais, esta iniciativa, ideada e desenvolvida polo Goberno municipal, serviu como modelo de integración, ao tempo que cumpriu o seu obxectivo fundamental: garantir que os menores de familias con dificultades socioeconómicas puidesen acceder a unha alimentación equilibrada e variada durante o verán, independentemente de que no transcurso do curso escolar fosen beneficiarios ou non do comedor. 

A Escola de Verán con Comedor do Concello de Lalín estivo aberta a todas as familias do municipio, indistintamente da súa situación, para evitar, deste xeito, que se poidan producir posibles procesos de estigmatización dos rapaces.

Tamén se buscaba promover actividades educativas alternativas durante o período estival, favorecer o desenvolvemento integral dos menores, promover hábitos de vida saudable e actividades que fomenten a convivencia, a integración e a participación, así como facilitarlles ás familias a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. 

4 de setembro de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.