Nava Castro asiste en Madrid á Mesa de Directores Xerais de Turismo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, viaxou hoxe a Madrid para asistir á Mesa de Directores Xerais de Turismo, que foi presidida pola directora xeral de Turespaña. Durante a reunión, celebrada na sede do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, presentouse o informe da conxuntura turística do primeiro semestre de 2015.
O informe revelou que España figura no número tres no ranking de países en canto a número de turistas recibidos durante os primeiros sete meses do ano. Así mesmo, o noso país ocupa o número dos en canto ao gasto realizado polos turistas e é líder en competitividade turística, segundo o informe bianual do Foro Económico Mundial.
Neste senso, destacouse o comportamento rexistrado pola nosa Comunidade, xa que Galicia foi a comunidade que experimentou un maior incremento de viaxeiros no que vai deste ano 2015.
Por outra parte, a Mesa de Directores Xerais de Turismo tratou a adaptación da normativa autonómica vixente sobre axencias de viaxes á modificación da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, aprobada o pasado 2 de xullo, como consecuencia do proxecto piloto da Comisión Europea relativo aos viaxes, vacacións e circuítos combinados. Neste senso, destacouse a importancia de asegurar unha serie de garantías en consonancia co volume de negocio do operador e de simplificar o procedemento a través do laudo arbitral. Para iso propúxose a creación dun grupo de traballo sobre este tema.
Así mesmo, no día de hoxe acordouse a celebración dunha reunión do grupo de traballo vivendas particulares de uso turístico –creado en 2013- xunto cos sindicatos e o sector para a coordinación entre as diferentes comunidades desta regulación.
Outros dos puntos do orde de día do encontro deste órgano de cooperación turística foi a elaboración dos Planes Operativos Anuais 2016 e a presentación do Proxecto de Orde Ministerial polo que se aprobará o sistema de recoñecemento da sustentabilidade do turismo de natureza na Red Natura 2000. Un sistema voluntario que se encontra en fase de aprobación e que fixará os requisitos das empresas que operarán na Red Natura 2000.
Por último, informouse da posta en marcha dun proxecto de axudas para as escolas de hostalería de España tanto públicas como privadas.











