Narón acollerá unhas xornadas de Novas Tecnoloxías destinadas a empresas turísticas da comarca de Ferrol
As accións formativas deseñadas con cargo ao Plan de Turismo de Ferrolterra, coa colaboración da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e a Axencia de Turismo de Galicia, inclúe unhas xornadas sobre Novas tecnoloxías adicadas ás empresas turísticas da comarca de Ferrol. A convocatoria terá lugar este mércores, día 23, no Centro de Negocios Arena 76, na zona de Odeón (A Gándara), entre as 17.00 e as 21.30 horas. A participación neste acto é gratuíta, sendo preciso confirmar asistencia a través do mail: coordinacion@turismoferrolterra.es ou chamando ao número de teléfono 698 181 717.
Nas xornadas analizarase a presenza en internet e nas redes sociais de cinco negocios participantes. A importancia dunha imaxe homoxénea do negocio, a adpatación das páxinas web a móbiles e tablets e as plataformas de promoción dos negocios serán algúns dos temas a abordar. Ao remate das mesmas os participantes coñecerán os beneficios que poden aportar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC´s); as alternativas á hora de decidir en que opcións investir recursos e tempo e os erros máis habituais e as fórmulas para corrixilos.
O obxectivo desta convocatoria é subliñar a importancia das TIC´s nas compañías do sector turístico de Ferrolterra, dotando aos empresarios e empresarias dos coñecementos necesarios para buscar proveedores de servizos TIC e axudalos a recoñecer a proposta máis beneficiosa en función do seu negocio.
A concelleira de Novas Tecnoloxías de Narón, Natalia Hermida, anima aos empresarios e empresarias do sector a participar nestas xornadas “debido á importancia que teñen as novas tecnoloxías na actualidade para o posicionamento das diferentes compañías”.
As xornadas celebraranse tamén nas comarcas de Eume e Ortegal.











