Música de bandas sonoras e un encontro entre directores antes da gala do FICBUEU 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Temas de filmes tan coñecidos coma ‘El rey león’, ‘Ghost’ ou ‘Gladiator’ soarán este sábado no concerto que a Banda de Música Artística de Bueu ofrece dentro das actividades complementarias ás proxeccións do 8º Festival Internacional de Curtametraxes. Na mesma xornada, a asociación de realizadores Crea organiza un novo encontro no que se darán cita directores galegos e internacionais. Todo isto antes da cerimonia de clausura do certame organizado pola Concellería de Cultura, que se desenvolverá a partir das 21.30 horas no Centro Social do Mar.

O concerto da agrupación dirixida por  Víctor Manuel López Pazos dará comezo ás 20 horas nos exteriores do edificio onde se exhiben as curtas e prolongarase durante arredor dunha hora. A banda sonora de ‘Los siete magníficos’ abrirá o repertorio, que incorpora desde cancións das películas de Disney ata obras de recoñecidos compositores de música de cine coma John Williams ou Henry Mancini.

Previamente, a partir das 18 horas o pub Aturuxo acollerá por segundo ano o encontro ‘De cañas con Crea’, no que xa está confirmada a presenza de directores galegos como Gonzalo Suárez, Nani Matos, Samuel Lema, José Antonio Blanco ou Álvaro Gago, os dous últimos con curtametraxes na sección oficial do FICBUEU 2015. Tamén participarán na charla os cineastas estranxeiros que se atopen na vila para asistir á gala de clausura. No entanto, a cita é aberta ao público en xeral.

Mentres tanto, as concorridas proxeccións continúan ata mañá venres en sesión dobre, ás 20 e ás 22 horas, con entrada de balde. ‘Alles Wird gut’, ‘Pére’ e ‘James’ foron as cintas máis votadas polo público nos tres primeiros días. Para a xornada de hoxe, caeu do programa a produción galega ‘Restart’ por causas alleas á organización, pois resultou seleccionada para un sonado festival e para optar ao premio non pode exhibirse antes noutro lugar.

A estonia ‘Olga’, dirixida por Kaur Hokk, abrirá entón as sesións desta noite, seguida pola canadense ‘Prends-moi’ (‘Cólleme’), de Andrè Turpin e Anaïs Barbeau, non recomendada para menores de 18 anos. A comedia chegará da man de ‘Nashorn Im Galopp’, do realizador alemán ‘Erik Schmitt’, e o documental porao o arxentino Manuel Abramovich con ‘La Reina’. Pechará as proxeccións a curta española ‘El Corredor’, de José Luis Montesinos.

Os pases de mañá venres comezarán co thriller galego ‘Véndese’, protagonizado por Carlos Blanco e Xúlio Abonjo, e cuxo director, José Antonio Blanco, se achegará ata Bueu para presentalo. ‘Pequeño bloque de cemento con pelo alborotado conteniendo el mar’ (España) é o curioso título do seguinte filme, dirixido por Jorge López Navarrete. A continuación, proxectaranse ‘Arta’ (Romanía), de Adrian Sitaru, e ‘Whale Valley’ (Dinamarca/Islandia), de Gudmundur Arnar, para rematar con ‘The bigger picture’ (Reino Unido), da realizadora Daisy Jacobs, e ‘La gran invención’ (España), de Fernando Trias de Bes.

11 de setembro de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.