Monumenta 2015 despídese coa arquitectura de Santalla de Bóveda de Mera e coa música de Rodrigo Romaní
Logo do seu percorrido, desde o pasado 27 de agosto, pola arte rupestre de Ponte Caldelas, polo patrimonio gótico de Noia e polo legado arqueolóxico de Bande, o ciclo Monumenta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pecha mañá sábado, 5 de setembro, a súa terceira edición na parroquia lucense de Santalla de Bóveda de Mera.
A xornada de clausura deste programa promovido pola Secretaría Xeral de Cultura para a difusión do patrimonio restaurado comezará ás 18:00 horas, cunha visita á igrexa de Santalla de Bóveda e Mera guiada pola especialista en arqueoloxía da arquitectura Rebeca Blanco. A seguir, o público asistente terá ocasión de participar nunha andaina que se achegará ao castro de Corvazal. Durante o paseo, o xeógrafo Juan López Bedoya analizará a paisaxe agraria para afondar na flora e na fauna características da zona.
Concerto de clausura con Rodrigo Romaní
A característica arquitectura popular desta parroquia lucense e a súa relación coa paisaxe centrarán o faladoiro que ofrecerá, ás 19:30 horas, o arquitecto Antonio de Vega. Finalmente, a música do galego Rodrigo Romaní será a encargada de lle poñer o broche á terceira edición de Monumenta, cun concerto en formato trío que terá lugar ás 20:00 horas nos exteriores da igrexa de Santalla de Bóveda de Mera.
Un templo singular
As peculiares características do templo tardo-romano de Santalla de Bóveda de Mera suscitaron desde o seu descubrimento múltiples interpretacións sobre a súa finalidade orixinal. Neste edificio de planta rectangular destaca a ornamentación da bóveda de canón na que aparecen representados diferentes tipos de aves pintadas entre motivos vexetais. Tamén sobresae o seu arco de ferradura, considerado como o máis antigo que existe na arquitectura española como elemento estrutural. As impresionantes pinturas, as súas especiais características e todas as controversias respecto da súa orixe fan deste monumento prerrománico un dos máis senlleiros do occidente europeo.
Propostas diferentes para descubrir a riqueza patrimonial
Desde o 27 de agosto e ata o 5 de setembro, esta iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura percorreu diversos espazos de valor patrimonial das catro provincias galegas con diversas actividades e concertos para lle ofrecer á cidadanía propostas diferentes coas que descubrir o patrimonio cultural de Galicia.











