Moncho Fernández: “A Copa Galicia é sempre unha competición especial para nós”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro prepárase para o seu primeiro torneo oficial da tempada, a 30ª edición da Copa Galicia, que se disputará en Ourense mañá e o sábado. O adestrador do equipo, Moncho Fernández, asegura que o persoal afronta este novo reto, tras o I Torneo EncestaRías, con “ilusión”. “É pretemporada e estamos aínda na fase de coñecernos como xogadores e persoas para poder ir engranando sobre a pista eses coñecementos. A Copa Galicia é sempre unha competición especial para nós”, explica. 

A tropa obradoirista desprazarase á cidade ourensá o venres a enfrontarse en semifinais contra o Marín Peixegalego, clasificado ao derrotar na fase previa ao Café Candeas Breogán. Será ás 19.00 horas, e do encontro sairá o primeiro finalista. Fernández ve nos marinenses “un rival que dará o mellor de si mesmo para tentar baternos igual que fixeron na fase previa. Tentaremos gañarnos na pista con traballo e esforzo o dereito de xogar a final”

A outra semifinal, ás 21.00 horas, medirá ao Club Ourense de Baloncesto e ao Leyma Básquet Coruña, que derrotou o pasado martes ao Xuven Cambados. 

Esta trixésima edición da competición garda tamén outros actos especiais, como o partido da Selección Galega de Veteranos previsto para o sábado ás 17.30 horas. 

18 de setembro de 2015 | 10:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.