publicidade hoxe

Mobilidade reordena os accesos ao IES Monte Neme de cara ao comezo do curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana que dirixe Milagros Lantes informa de que vén de reordenarse o tráfico rodado nos accesos ao IES Monte Neme da capital municipal de cara ao comezo do curso escolar. Así, e seguindo as recomendacións da Policía Local, a rúa Nacente, que constitúe o principal acceso ao centro de ensino dende a estrada de Sísamo, será agora de dirección única. Ademais, pintáronse os sinais da parada de autobús, así como as prazas de discapaditados para mellorar tanto a seguridade como a fluidez da circulación ás horas de entrada e saída do alumnado do instituto.

Hai que lembrar que non é a única modificación na circulación do tráfico rodado na contorna dos centros de ensino da vila realizada nos últimos días. Así, hai que lembrar que, coa vontade de mellorar a seguridade viaria dos peóns, nomeadamente dos nenos e nenas que de cotío acoden aos centros de ensino e instalacións deportivas do barrio, vén de cambiarse o sentido da circulación en varias das rúas do Chorís.

Así, a rúa Vila de Ordes ten un único sentido de circulación dende a Avenida de Bergantiños en dirección Vila de Noia; e esta última cambiou de sentido, podendo circularse só dende a Vila de Ordes en dirección Vila de Corcubión; a rúa Vila de Cee, que tiña dobre sentido, é agora de sentido único, de tal xeito que se baixa por ela cara a Vila de Negreira. Por último, a rúa Vila de Corcubión conta con sentido único da circulación na subida dende a Vila de Negreira ata o cruce coa Vila de Noia. Estes días as modificacións están sinalizadas con valados para que os/as condutores se habitúen aos cambios antes do comezo do curso.

9 de setembro de 2015 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.