publicidade hoxe

Mellora da seguridade do Camiño Francés co repintado da estrada LU-633 entre Pedrafita do Cebreiro e Portomarín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoPedrafita do CebreiroPortomarín
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vén de comezar hoxe os traballos de renovación da sinalización horizontal da estrada LU-633 desde o seu punto quilométrico inicial en Pedrafita do Cebreiro ata o remate da mesma no Alto do Hospital, no concello de Portomarín.

A actuación repercutirá non só na seguridade da circulación viaria, xa que unha adecuada sinalización horizontal é un elemento fundamental e imprescindible para a mesma, senón tamén na seguridade dos numerosos ciclistas e camiñantes que a percorren a diario, xa que en gran parte do seu percorrido coincide co itinerario do Camiño de Santiago, concretamente o camiño francés ao seu paso pola provincia de Lugo. Con esta actuación farase moito máis visible para os condutores os distintos elementos que integran a plataforma da estrada.

O orzamento total da actuación ascende a 111.116 euros e acometerase dentro do contrato de Conservación Ordinaria e Vialidade Invernal da Zona Sur da provincia de Lugo.

Estes traballos consistirán no repintado das marcas viais que integran a sinalización horizontal da estrada. Trátase dun elemento da estrada que sofre un deterioro continuo debido tanto ao paso do tráfico rodado como ás condicións climatolóxicas adversas, que en gran parte do seu percorrido, sobre todo dende Pedrafita a Samos, son moi estremas con abundantes días durante o inverno no que se rexistran xeadas e precipitacións en forma de neve. Hai que ter en conta que estas circunstancias climatolóxicas propician as conseguintes operacións de vialidade invernal que levan aparellado a extensión de fundentes (sal ou salmoira) que provocan unha inevitable aceleración no deterioro das marcas na vía.

En total, actuarase nun total de 74,4 quilómetros e a previsión é que se as circunstancias meteorolóxicas son favorables, os traballos queden rematados antes de que finalice o presente mes de setembro.

En concreto, os treitos nos que se actuará son os seguintes:

– Dende o punto quilométrico 0+000 (Pedrafita do Cebreiro) ao 18+200 repintarase o eixe e os cebreados e símbolos.

– Dende o punto quilométrico 18+200 (intersección coa LU-637) ata o 48+000 (inicio travesía de Sarria), repintaranse todas as marcas nas vías.

– Dende o punto quilométrico 50+300 (glorieta de acceso ao enlace de Sarria Centro do CG-2.2) ao 63+400 (inicio travesía de Paradela), repintarase o eixe, as marcas viais delimitadoras dos carrís adicionais de adiantamento, así como os cebreados e símbolos.

– Dende o punto quilométrico 63+400 ao 72+950 (glorieta do acceso a Portomarín), xa se actuou no ano 2014.

– Dende o punto quilométrico 72+950 ao 83+960 (enlace coa N-540 no Alto do Hospital), repintarase o eixe, as marcas viais delimitadoras dos carrís adicionais de adiantamento, así como os cebreados e símbolos.

2 de setembro de 2015 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.