Meigas, performance, licores e moita cultura no Café con… Monica Mura

Coloquio de Mónica Mura
A nova tempada do ciclo Café Con inaugurouse este xoves en Santiago cunha edición máxica, e non só polos participantes ou a afluencia, que como en anteriores ocasións, abarrotou a sala da AC Palacio da Carmen onde se celebrou o coloquio. Este Café Con… Monica Mura estivo centrado na creación en feminino, a través da figura das meigas. A artista multimedia e deseñadora gráfica natural de Sardeña quixo plasmar no seu proxecto “Meigas dentro! Café, licor café, bagazo e outras pócimas” a súa visión de Galicia, á que chegou fai trece anos.
Como explica Monica, “Meigas dentro! reivindica a muller creadora. En todos os aspectos, desde os máis creativos, aos prácticos cotiáns. A visión de Galicia que presento nesta exposición, ademais dunha mirada persoal, fala de todas as persoas que quedan enmeigados por ela.” A artista vai máis aló ao concretar a intención da súa obra. “Intervín o espazo para transportar a quen o visita nun lugar especial, para que o turista coñeza a Galicia entre sacra e profana que enmeiga, e para que os que viven aquí se volvan a namorar dela.”
A diferenza doutras edicións, que empezaban co debate, a visita guiada e a performance foi o punto de partida para unha charla coloquio na que se falou sobre varios temas. Na mesa estiveron, como xa é habitual, Juan Manuel Monterroso, Decano da Facultade de Historia da arte, quen explicou a orixe e a evolución da performance. Moderando, Ana Paula Castro, de Galantiqua, unha das organizadoras do evento xunto con Mareiras. Castro fixo balance da evolución do Café Con .“Aumentamos a asistencia de maneira importante chegando xa a nin máis nin menos que 9 edicións. Comezamos con este proxecto fai 3 anos e creo que conseguimos pór o noso graniño de area de achegar a arte a un público menos convencional, que era o que pretendiamos, e gozar con iso.”
Tamén participaron na mesa, ademais de Monica Mura, o presidente de SAGA, Sociedade Antropolóxica Galega, Rafa Quintía, quen profundou no papel da tradición en Galicia. “O pobo galego ten un gran sentimento de identidade cultural e iso vai estreitamente ligado á conservación da súa tradición aínda que, como todo na cultura, esta sempre é dinámica e cambia cos tempos e os cambios sociais.” Quintiá destacou que “eventos como este son unha forma diferente e nova de achegar ao público en xeral, e ao mundo da arte en concreto, unha mirada sobre a nosa cultura tradicional e a nosa forma de entender o mundo como pobo. Supón, ademais, un novo foro onde dar a coñecer estes temas, e unha forma marabillosa de introducir a antropoloxía nos actos da vida cotiá.”
Na charla coloquio tamén estivo convidada a actriz e fotógrafa Soledad Felloza, quen ademais foi a encargada de pór o peche de ouro ás máis de tres horas de acto cunha queimada nos exteriores da AC Palacio da Carmen.
Como nas tres anteriores edicións, o 30% do recadado pola organización na venda de obra será para fins solidarios. A obra permanecerá exposta no hotel AC Palacio da Carmen durante seis meses, até o mes de febreiro.
SOBRE CAFÉ CON…
“Café con…” é unha iniciativa nada da inquietude de Ana Castro e David L. Salgueiro, fundadores de www.galantiqua.com, de promover a arte dunha maneira diferente, menos excluínte e máis próxima ao público: é por iso que o evento se desenvolve no hotel AC Palacio da Carmen – Autograph Collection en Santiago de Compostela. A elesúnese María Eiras para achegar o seu granito de area neste proxecto artístico-cultural. Todos o “Café con…” organizados até a data completaron o aforamento.











