Medio Ambiente convida aos cidadáns da Costa da Morte a participar na elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia
Este sábado 19 de setembro realizarase en Carballo o terceiro dos 12 obradoiros participativos que forman parte do proceso de participación pública para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia. O obradoiro terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo entre as 10 e as 13 horas.
Estes obradoiros teñen como obxectivo recoller a valoración, a opinión e o coñecemento da poboación local sobre a paisaxe. Con esta fin celebrarase un obradoiro práctico en cada unha das 12 áreas paisaxísticas de Galicia, aos que poderá asistir calquera persoa que así o desexe sen máis que inscribirse por correo electrónico (atlaspaisaxe.iet@xunta.es) ou por teléfono (981541755 / 981541756).
O programa do obradoiro de Carballo inclúe a presentación do proxecto do Catálogo de Paisaxes de Galicia, o debate sobre a paisaxe en Galicia e tres sesións prácticas de traballo destinadas á localización de lugares de especial interese paisaxístico, á caracterización da paisaxe da área e á identificación de áreas cunha paisaxe degradada.
Nas sesións prácticas empregarase unha plataforma web (https://sixot.es/catalogospaisaxe) que permite a identificación no mapa das tres cuestións anteriormente mencionadas. Esta plataforma estará aberta para calquera usuario durante os meses de setembro e outubro, permitindo a participación no proceso a calquera persoa que desexe colaborar e non poida asistir aos obradoiros.
Os restantes obradoiros terán lugar en Lugo o 26 de setembro, en Burela o 3 de outubro, en Becerreá o 10 de outubro, en Viana do Bolo o 14 de outubro, en Ourense o 17 de outubro, en Xinzo de Limia o 21 de outubro, en Ponteareas o 24 de outubro, en Vigo o 28 de outubro e o 31 de outubro na Coruña.











