publicidade hoxe

Medio Ambiente celebra en Oleiros unhas xornadas de formación sobre actuación nos varamentos de fauna mariña ameazada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral Conservación da Natureza, celebrará entre mañá, día 2, e o vindeiro xoves, día 3, unhas xornadas formativas sobre a atención nos varamentos de fauna mariña ameazada que se producen na Comunidade autónoma, co propósito de consolidar e mellorar os traballos de rescate da Rede de Varamentos de Galicia.

A que comeza mañá no Castelo de Santa Cruz, a sede do CEIDA, é unha das tres actividades formativas organizadas pola Consellería de Medio Ambiente sobre este asunto nas provincias costeiras da Comunidade.

Así, o pasado mes de xullo tivo lugar a primeira destas xornadas no Museo do Mar de Vigo, que rexistrou un gran éxito de participación, con máis de 80 persoas inscritas. A última das xornadas previstas terá lugar o día 10 no CENIMA, en Foz (Lugo).

As clases serán impartidas por técnicos da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA) e os temas a tratar inclúen a identificación das diversas especies, a casuística en Galicia, a asistencia aos varamentos e a recuperación destes animais, así como clases prácticas de rescate e observación.

Grazas ao acordo de colaboración entre a Xunta e o CEMMA, entre 2013 e 2014 atendéronse máis de 650 exemplares na nosa Comunidade.

As xornadas están dirixidas preferentemente ao persoal Gardería da Consellería de Medio Ambiente, Protección Civil e outras institucións que colaboran na Rede de Varamentos, así como voluntariado ambiental e público en xeral.

A inscrición é gratuíta e pode efectuarse a través dos seguintes enderezos electrónicos: conservacion.co@xunta.es, para a edición da Coruña e natureza.lugo@xunta.es para a edición de Lugo.

1 de setembro de 2015 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.