Martiño Noriega rexeita as poxas por voos con diñeiro público
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, celebrou este venres a decisión de Ryanair de fixar unha base operativa no aeroporto da capital galega a partir do próximo verán, toda vez que supón “mellorar” o servizo e que terá unha repercusión positiva en materia de emprego. O que rexeitou é a “competición” entre administracións por captar voos “a través dunha especie de poxa” con diñeiro público.
Preguntado na rolda de prensa posterior á xunta de goberno sobre a súa política aeroportuaria, abundou na súa defensa “da cooperación” en lugar da “competición” entre os concellos galegos.
Así, reivindicou a “centralidade” de Lavacolla e a importancia de que estea dotado de oferta internacional dende o convencemento de que toda Galicia “se beneficia” diso. “Vemos con preocupación determinadas dinámicas de subvencións nunha especia de poxa a compañías aeroportuarias para establecer servizos”, manifestou.
De feito, comentou que en diferentes reunións trasladou a necesidade de “romper esa dinámica” do “mellor ofertante” e “poñerlle un pouco de razón ao asunto”. “Son fondos públicos”, recordou o rexedor compostelano.
VIVENDAS DE XOÁN XXIII
Por outra parte, ante a petición do BNG de que se retome o uso da parcela de Xoán XXIII para vivendas en réxime de aluguer para mozos, destacou que os traballos inicialmente centráronse en “acabar cunha decisión especulativa” tomada dende a filosofía de que “determinadas zonas da cidade son para determinado tipo de cidadáns”.
A partir de aí, Noriega asegurou que se buscarán “alternativas” enfocadas ao “ben común” na negociación co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), titular da parcela.
Sobre outra cuestión reclamada polo Bloque, en relación coas cafetarías da estación de autobuses e do Auditorio de Galicia, o primeiro edil compostelano admitiu que agora non está a traballar niso. A súa intención, iso si, é “poñer en valor” estas infraestruturas.
SUBVENCIÓNS
Á marxe destes asuntos, Martiño Noriega deu conta de que se decidiu conceder unha subvención de 135.000 euros ao Refuxio de Animais, achegar 60.000 euros á Cociña Económica, dotar de 22.000 euros á Cruz Vermella e destinar 10.000 euros a Feafes.
Así mesmo, deixouse deserta a licitación que abriu o equipo liderado por Agustín Hernández para adquirir vehículos para a Policía Local, toda vez que presentaba “defectos formais”, e se decidiu reiniciar o proceso.











