publicidade hoxe

Marín prepárase para honrar ao patrono dos mariñeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMarín
A-
A+
Presentación das festas de San Miguel

Presentación das festas de San Miguel

Marín volverá vivir este domingo 27  a celebración da festividade do patrón de Marín, San Miguel Arcanxo. Organizado polo Padroado de Mareantes do Ateneo Santa Cecilia, coa colaboración como todos os anos do Concello de Marín.

Coa previsión de bo tempo, que parece que vai facer, volveranse a vivir as actividades tanto lúdicas como de devoción ao patrón, que habitualmente reúnen en Marín non só aos veciños e turistas, senón tamén a moitos marinenses que están fóra e que regresan en San Miguel para participar nos festexos e reencontrarse con familiares e amigos.

Volveremos ver a Danza de Espadas, que os grupos do Ateneo Santa Cecilia e de Meigas e Trasnos escenificarán no transcurso da procesión, sempre aos pés da imaxe de San Miguel. 

A antigüidade do evento e a súa singularidade, así como o seu arraigamento e valor cultural, foron os criterios que se tiveron en conta á hora do recoñecemento oficial como Festa de Interese Turístico de Galicia por parte da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo. 

A Festa de San Miguel e a Danza de Espadas celébranse en Marín desde o ano 1639 como proba de devoción, segundo figura no Libro de Contas da Confraría de Mareantes da localidade. A festa vén celebrando de forma ininterrompida o 29 de setembro de cada ano desde que, en 1953, o Ateneo de Santa Cecilia fixouna como unha das súas prioridades. Nos últimos anos cambiouse ao último domingo de setembro para permitir unha maior participación, ao non ser festivo o día 29. Nesta ocasión, coincide a festividade en domingo. 

A  danza de espadas representarase diante do Palco de Musica da Alameda, na Praza de España, onde se queimarán as madamitas, e na praza do reloxo, á beira das esculturas, onde ao finalizar o acto depositarase un ramo de flores, regresando a procesión de novo ao templo antigo. A misa solemne celebrarase ás 12 no templo novo, coa participación do Coro de Cámara Thalassa. Con anterioridade, ás 10.45 horas, terá lugar no Concello o acto oficial do Padroado de Mareantes de San Miguel, coa asistencia da alcaldesa, María Ramallo, a Corporación e membros do Padroado. 

No transcurso do mesmo procederase á entrega das distincións de Confrades Sobranceiros e Medallas de Ouro . Así mesmo, imporanse as medallas corporativas aos Confrades de Honra (persoas moi vinculadas coa Danza. A entrega das medallas aos novos confrades e das Espadas de Ouro e Prata aos danzantes que levan dez e 20 anos participando na Danza pecharán o acto.

Este ano presentarase o novo estándarte de San Miguel. 

23 de setembro de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.