Máis de 30.000 firmas apoian o escrito dos gandeiros de Lugo
Os gandeiros concentrados na capital lucense, cuns 1.500 tractores, entregaron este mércores no rexistro da Xunta de Galicia en Lugo un escrito dirixido á conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, acompañado de máis de 30.000 firmas, recollidas esta semana en toda a provincia. A organización sinalou que só na mesa de firmas situada ante o edificio multiusos da Xunta recolléronse 22.000, cifra á que se sumaron as recollidas no resto da provincia. Ademais, outros centos de firmas quedáronse fóra do reconto porque non chegaron a tempo desde outros municipios.
Mentres, un grupo de gandeiros encargábase de rexistrar o escrito e as firmas, unha representación de dez produtores desprazouse a Santiago de Compostela para participar na reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e cunha comisión dos gandeiros que protestan na capital galega.
MARCHA
Na asemblea popular celebrada a noite do martes ante o edificio da Xunta en Lugo, o portavoz dos gandeiros, Roberto López, anunciou unha manifestación a pé para o xoves ás 11,30 horas polas rúas da capital lucense, con saída na Porta de San Fernando.
Ao finalizar a marcha, os gandeiros instalarán uns dispensadores con leite das súas explotacións, “leite sen tratar”, segundo precisaron, para ofrecer aos participantes para que “poidan comparar”.
López tamén manifestou que recibiron chamadas de gandeiros de Asturias e León interesados en unirse ás protestas dos lucenses. Na noite do mércores, a partir das 23,00 horas, celebrarán unha nova asemblea popular para dar a coñecer o contido da reunión co presidente da Xunta.











