Maiores, familias e equipo de AFAL celebraron o quinto aniversario do Centro de Día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Actividades no día do aniversario

Actividades no día do aniversario

Baixo o lema “Ti eres unha peza importante”, os maiores que a diario acuden ao Centro de Día Terapéutico da Rede Pública de Alzheimer celebraron esta tarde o quinto aniversario das instalacións. E fixéronno dun xeito moi especial, acompañados dos seus familiares, nunha festa que comezaba sobre as tres e media do serán. Durante semanas, os maiores estiveron preparando nos talleres ocupacionais e de manualidades a decoración que lucía o centro: pezas e pezas dese gran puzle que é o Alzheimer.

A primeira hora, o equipo de AFAL quería rendir homenaxe ás familias, aos coidadores, e facíaos protagonistas da primeira actividade. Parellas, fillos e netos pintaban coas súas mans, acompañados dos seus maiores, un arco iris que levaba por lema “O meu faro, a miña luz, o meu coidador”. A continuación, o acordeonista Iker Díaz Villaverde, voluntario de AFAL, iniciaba un concerto cos temas preferidos dos maiores e estes correspondían bailando todas e cada unha das pezas.

De seguido, maiores e familias realizaban outra actividade moi emotiva. Un a un foron colocando pezas ata completar un gran puzle no que se podía ver imaxes de todos os talleres nos que participan a diario no centro. E, para rematar, merenda a base de bizcoitos e refrescos. As familias levaron tamén un recordatorio da xornada. Unha peza de puzle con fotografías antigas dos seus maiores que eles mesmos elaboraron en días pasados. A festa inclúese nos actos organizados por AFAL Ferrolterra para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer. Un programa de actividades que continuará mañá venres, 18 de setembro, coa Cea Solidaria Anual, no restaurante do Hotel Valcarce, en Narón, a partires das 21,30 horas e coa colaboración especial do grupo Los Zares, que amenizará a noite co seu repertorio.

17 de setembro de 2015 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.