Lores mantén que Ence anuncia investimentos millonarios cando ver peligrar a súa permanencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

“Hai dous posicións claramente diverxentes: os intereses dunha empresa privada que quere prorrogar a súa estancia en Lourizán e interese dos cidadáns de Pontevedra – polo menos da grande maioría deles- e o deste Concello de recuperar a ría”. Neste contexto enmarca o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, o novo anuncio de 8 millóns de euros de investimentos feito pola pasteira para eliminar o impacto oloroso e corrixir o impacto visual da fabrica de Lourizán.

Fernández Lores lembra que Ence leva 60 anos de ocupación dun espazo “que é de todos os pontevedreses, un espazo natural que queremos reverter a un estado o máis parecido ao que tiña no ano 1955-60 e creo que non hai escusas”.

“Eles tiveron 30 anos para buscar alternativas de ubicación e garantir a produción industrial fóra da ensenada de Lourizán “subliña o alcalde quen sostén que “os pontevedreses temos dereito a recuperar a ría e darlle os usos que nós queremos e que entendemos que van a ser máis rendibles economicamente e en postos de traballo que os que xera a ocupación de Ence Elnosa dese espazo”.

O alcalde ten claro que os anuncios de investimentos cara o futuro que fan os responsábeis de Ence “están a demostrar que durante anos non fixeron nada, que estiveron só sacando o maior proveito e agora lémbranse do olor cero, do ruído, do impacto visual pero mentres non houbo ou non viron peligrar a súa ubicación aí, estiveron escaqueando todo tipo de investimentos “.

O Goberno local de Pontevedra ten unha folla de ruta para plantar cara á permanencia de Ence-Elnosa e conquerir que, a lo menos “non se prorrogue a estancia das dúas industrias en Lourizán, non inmediatamente antes das eleccións xerais” xa que, apunta o alcalde, “agardo que o resultado desas eleccións nos permita retomar os principios que tiña a antiga Lei de Costas e que podamos recuperar Lourizán para todos os pontevedreses”.

Para Miguel Fernández Lores quen ten que garantir a produción industrial e os postos de traballo é a empresa “buscando unha ubicación compatible co medio ambiente, coa recuperación da ría, co dereito que temos todos os pontevedreses e pontevedresas a ter un ambiente san, a desenvolver as potencialidades que ten a ría de Pontevedra e a deixar os nosos fillos e netos un país medio ambientalmente máis san”.

“Queremos recuperar Lourizán e sacarlle a máxima rendibilidade cós usos propios que ten a ría de Pontevedra, que para min é a máis bonita do mundo, o demais son intentos de convencer a unha parte da poboación de que a presencia de Ence é beneficiosa e eu creo que é prexudicial: prexudicial para a saúde, para o medio ambiente, prexudicial para o monte e para calidade de vida dos habitantes da comarca de Pontevedra” conclúe o alcalde.

16 de setembro de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.