López-Chaves afirma que o bloqueo da segunda terminal de cruceiros do porto de Vigo é unha decisión política do goberno de Caballero
O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, referiuse esta mañá, en rolda de prensa, ao comezo do expediente de modificación puntual do Plan Especial do Porto, aprobado o pasado 31 de xullo polo Consello de Administración da institución olívica e remitido ese mesmo día ao Concello da cidade para a súa aprobación.
Segundo indicou López-Chaves, a segunda terminal de cruceiros ‘é necesaria para promocionar o tráfico de cruceiros en Vigo’. ‘Reclámano as navieras’, destacou, á vez que manifestou a situación de ‘transitoriedade’ deste novo espazo, situado nas antigas naves da froita.
Durante a súa intervención, o Presidente portuario lembrou que o Porto de Vigo recibirá ao longo deste ano a preto de 290.000 persoas, que chegarán á cidade por mar, principal entrada de turistas estranxeiros en Vigo, dos que máis de 100.000 serán de nacionalidade inglesa. ‘Nos últimos anos, apostamos polos cruceiros, investindo preto de 10 millóns de euros en infraestruturas adecuadas para potenciar este tráfico, pero agora, necesitamos unha segunda terminal. Mentres outros presentan a súa primeira terminal de cruceiros, nós estamos a apostar pola segunda’, lembrou. ‘Queremos demostrar ás navieras que apostamos polos cruceiros’, subliñou. A segunda terminal de cruceiros ‘é necesaria’ porque ‘queremos seguir crecendo en tráfico de cruceiros’ xa que ‘son bos para Vigo porque xeran riqueza e imaxe’.
En canto á resposta do Concello de Vigo respecto desta modificación puntual do Plan Especial, López-Chaves lamentou que, tras 34 días de espera, ‘non recibamos unha resposta oficial’, a pesar de que ‘fai seis días facían público un informe que esta Autoridade Portuaria descoñece’, o que tachou de ‘mala xestión’. No entanto, e a pesar de que ao comezo da rolda de prensa, o propio López-Chaves aseguraba que a Autoridade Portuaria de Vigo non recibira aínda contestación, o propio Presidente foi interrompido durante as súas declaracións aos medios de comunicación para facerlle entrega de devandito documento, que acababa de chegar a dependencias portuarias nese mesmo instante.
Neste sentido, López-Chaves lembrou que, nos últimos anos, houbo decisións políticas que ou ben favoreceron ao progreso do Porto de Vigo, como é o caso das tomadas pola Ministra Ana Pastor, ou, pola contra, prexudicárono seriamente, como sucede no caso do ex Ministro José Blanco e o Alcalde de Vigo, Abel Caballero. O primeiro deles, explicou, ‘deixou a Vigo fóra da lista de portos nodales por razóns técnicas e, agora, o Alcalde da cidade, alega as mesmas razóns para impedir unha segunda terminal de cruceiros’.
Para López-Chaves, a proposta exposta polo Porto de Vigo ‘é legal e posible’ e, segundo confirmou, ‘non porque o diga a Autoridade Portuaria, senón porque así o dixeron os propios servizos xurídicos do Concello de Vigo’. Así, segundo lembrou, no ano 2010, e en referencia a este mesmo proxecto, aseguraban que para levalo a cabo, era necesario aprobar o Plan de Usos e modificar o Plan Especial. ‘E iso é o que fixemos’. Do mesmo xeito, a Xerencia de Urbanismo, neste caso en relación a outra obra, establecía os mesmos criterios: aprobar o Plan de Usos e levar a cabo unha modificación puntual do Plan Especial. ‘E así actuamos’. Con todo, ‘agora pídennos que fagamos un novo Plan Especial’, o que, a xuízo de López-Chaves, ‘alargará os trámites e favorecerá a outros portos en detrimento de Vigo’. Unha decisión que o Presidente portuario cualificou de ‘urbanismo á carta’.
Os servizos xurídicos da Autoridade Portuaria de Vigo terán agora que estudar o documento, aínda que, segundo adiantou o propio López-Chaves, o Goberno municipal ‘nin sequera admitiu a trámite o documento’, a pesar de que ‘sempre actuamos de acordo coas indicacións dos servizos xurídicos do Concello, e de acordo cos ditames da propia Xerencia de Urbanismo’, concluíu.











