Lara Méndez solicita á Xunta un plan conxunto para poñer en valor o Camiño ao seu paso por Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Lara Méndez na reunión con Nava Castro

Lara Méndez na reunión con Nava Castro

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este venres un encontro coa directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada do Goberno galego na provincia, Raquel Arias, na que a rexedora solicitou á Xunta un plan conxunto de traballo para mellorar e poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio lucense, que mesmo podería incluír a peonalización da Calzada Romana. Neste senso, o Concello enviaralle a Turismo un estudo coa estimación do custe que podería supoñer esta última actuación.

Esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno local por “consolidar o turismo como motor económico e de creación de emprego no Concello. É certo que xa somos un referente, e o número de visitantes non deixa de medrar ano tras ano, pero temos que facer máis. Sabemos que hoxe somos unha cidade de paso, e queremos que os turistas se queden. Que veñan e repitan”, explicou a Alcaldesa. 

Neste senso, a rexedora subliñou a necesidade de “abrir vías de comunicación e traballo entre Concello e Xunta para buscar sinerxias que impulsen o turismo e ofrezan uns servizos de calidade”. 

A posta en marcha dun plan especial de adecentamento e eliminación da vexetación existente non só no adarve, senón en todo o perímetro exterior da Muralla, foi outra das iniciativas que Lara Méndez lles plantexou a Castro e Arias, tendo en conta que o monumento bimilenario “é un dos maiores referentes turísticos de Galicia e que, como ben declarado Patrimonio da Humanidade, a Xunta ten as competencias para o seu mantemento”.

A colaboración económica para abrir na cidade outra oficina de turismo, que podería materializarse a través de subvencións para a contratación de axentes de turismo máis alá da época estival foi outra das cuestións abordadas na reunión de hoxe, ademais do apoio ás festas de interese turístico.

18 de setembro de 2015 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.