Lalín súmase á petición de declarar a igrexa de Bermés como Ben de Interese Cultural

Igrexa de Bermés
O Goberno municipal vén de expresar a súa vontade de colaborar na demanda efectuada polos veciños e veciñas da parroquia de Bermés, na que se lle solicita á Dirección Xeral de Patrimonio que se declare a igrexa parroquial como Ben de Interese Cultural (BIC). A concelleira de Cultura, Teresa Varela, considera a demanda xurdida dende a asociación veciñal ‘La Unión de Bermés’ como “moi oportuna e interesante”, apuntando que “dende o Concello non podemos facer outra cousa que sumarnos a unha petición xusta que parte dos propios cidadáns e lle outorgaría á igrexa o recoñecemento e as garantías de conservación que merece”.
O Concello ten a intención de colaborar con Bermés no proceso de solicitude de BIC, encargando, de ser preciso, informes valorativos e descritivos do templo, así como executando calquera outro trámite necesario para poder acadar a figura de protección. Teresa Varela considera “significativo e trascendental” que a conservación do patrimonio histórico “parta dos propios veciños” e fai fincapé no positivo que sería para todo o municipio que a igrexa de Bermés fose declarada como Ben de Interese Cultural. De ser así, o templo sumaríase aos gravados rupestres de Alperiz e ao Pazo de Liñares, que xa contan con esta figura de protección xurídica.
A antigüidade do santuario, que reúne diferentes estilos, tales como o románico e o prerrománico e cuxas orixes se remontan a hai máis de mil anos, sumada á singularidade e calidade dos seus elementos decorativos que aínda se conservan, sustentan a base argumentativa coa que efectuar a solicitude de BIC. Teñen especial importancia e interese dentro do conxunto arquitectónico, os canzorros que sobresaen da fachada, así como diferentes elementos ornamentais do seu interior, que segundo os expertos son dunha calidade excepcional. A declaración da igrexa como Ben de Interese Cultural é precisa, xa que garantiría a conservación e posta en valor do santuario e de todos os elementos que que aínda perduran e compoñen esta excepcional obra de arquitectura relixiosa rural.
Por outra banda e, aproveitando a iniciativa veciñal, a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, anunciou que o Concello iniciará os trámites necesarios para que se lle conceda ao carballo do adro da igrexa de Bermés a figura de protección, “Árbore Senlleira”. Unha Árbore Senlleira é aquela que merece un excepcional recoñecemento debido as súas extraordinarias cualidades ambientais ou culturais, tales como idade, beleza, tamaño ou significación histórica. Neste senso, o carballo de Bermés reúne todas as condicións citadas, sendo un exemplar que se atopa dentro do imaxinario da parroquia e de gran parte da cidadanía de Lalín, polo que require ser declarado con este elemento valorativo. De serlle finalmente concedido o mérito, o carballo de Bermés converteríase no terceiro exemplar do municipio en contar co recoñecemento, sumándose aos carballos de Viulatuxe e Soutolongo.
Estas proposicións encaixan coas prioridades do Goberno de Lalín, que pretende revitalizar o rural e potenciar o patrimonio e a cultura no concello, ademais de loitar pola enorme riqueza ambiental do municipio.











