Lalín solicita formar parte da rede de cidades intelixentes como municipio amigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Concello de Lalín vén de solicitar a súa inclusión na Rede Española de Cidades Intelixentes (REDI). Lalín reúne os requisitos para formar parte desta entidade como Municipio Amigo xa que ten menos de 50 mil habitantes empadroados.

Esta asociación ten por obxecto a xeración dunha dinámica entre cidades que sirva para promover a xestión automática e eficiente das infraestruturas e os servizos urbanos. Tamén persegue a redución do gasto público e a mellora da calidade dos servizos para, deste modo, atraer actividade económica e xerar progreso. Neste modelo son claves a innovación e o coñecemento, apoiados nas tecnoloxías da información e a comunicación, así como a cooperación entre o sector público e o privado ou a aposta polas industrias creativas e pola alta tecnoloxía.

O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, considera que “Lalín non pode quedar atrás neste modelo de desenvolvemento, que vai ser o modelo das cidades e vilas do futuro e que está baseado no crecemento sostible”. Pola súa banda, o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño, afirma que “decidimos engancharnos a esta Rede porque estar nela e seguir as súas recomendacións vai facilitar o acceso do Concello aos fondos europeos que se repartirán nos vindeiros anos”.

16 de setembro de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.