Lalín recibirá ao deportista enfermo de ELA Jorge Abarca que realiza o Camiño de Santigo dende Granada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O venres día 11 de setembro recalará en Lalín o deportista andaluz diagnosticado con ELA (Esclerosis Lateral Amiotrófica), Jorge Abarca, que realiza o Camiño de Santiago dende Granada co obxectivo de recadar fondos para fomentar a investigación desta doenza. O Concello porá a disposición do deportista todos os medios pertinentes para que manteña cubertas as súas principais necesidades, unha vez finalice a etapa do camiño en Lalín. Deste xeito, fixéronse as xestións necesarias para facilitarlles a Abarca e ao seu grupo de apoio,  establecementos nos que comer e nos que aloxarse. O xantar terá lugar no restaurante La Molinera, mentres que a cea será no Bar Casa Currás. Pola súa parte, a noite pasarana no Hotel Pontiñas unha parte dos peregrinos, e no Hotel Palacio outra.

Así mesmo, o atleta terá á súa disposición o spa e a piscina do Lalín Arena, así como os concernentes servizos de fisioterapia, prestados por Clínica Deza, precisos para a súa recuperación e preparación da seguinte etapa. Está previsto que o alcalde, Rafael Cuíña, reciba a expedición a partir das 15.00 horas na Praza da Igrexa, emprazamento no que se colocará un punto de información sobre o reto.  

Jorge Abarca ten 42 anos e foi diagnosticado de ELA no 2013. Sempre mantivo unha vida ligada ao deporte, practicando dende pequeno disciplinas como fútbol, pádel ou montañismo. Actualmente segue realizando toda a actividade física que lle permite a doenza. Neste caso e, debido á imposibilidade de manexar unha bicicleta por si só, percorrerá un total 1.300 quilómetros polas rutas Mozárabe, Vía da Prata e Sanabresa, ata Santiago de Compostela, en tándem. 

8 de setembro de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.