publicidade hoxe

José Luis Soto pon en valor a figura de Lino Gómez Canedo no seu último libro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Presentación do libro

Presentación do libro

O pai Lino Gómez Canedo foi un franciscano e historiador nado no lugar de A Tenda, na parroquia de Coiro, no ano 1908 e falecido en México o 24 de decembro de 1990. Entre os seus moitos estudos e publicacións, realizadas a maior parte en América, está a investigación realizada sobre Junípero Serra, frade franciscano do século XVIII que será canonizado o vindeiro día 23 de setembro polo papa Francisco.

Con motivo dese acontecemento, o pai José Luis Soto, tamén franciscano, escritor, historiador e amigo persoal de Lino Gómez Canedo, vén de publicar o libro Junípero Serra en la vida y obra de Lino Gómez Canedo, un monográfico co que pretende “hacer un elogio y dar información” de ambas figuras e que foi presentado hoxe no Salón de Plenos do Concello da Laracha nun acto presidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e ao que tamén asistiron a concelleira de cultura, Patricia Bello, familiares de Lino Gómez Canedo e tamén sacerdotes que o coñeceran persoalmente, como foi o caso de D. Manuel Mallo, actual párroco de Soandres. 

O alcalde abriu o acto mostrando a súa emoción por estar ante “un acto moi especial e que me enche de satisfacción”. O rexedor municipal cualificou a Lino Gómez Canedo como “a primeira persoa a nivel intelectual da historia do Concello da Laracha” e agradeceu o seu traballo ao autor do libro e a súa presenza na Laracha para presentalo. López Varela lembrou que o frade larachés da nome desde maio de 2004 a unha rúa céntrica da capital municipal e tamén fixo referencia ao pregón das Festas da Laracha que leu no ano 1987.

O pai José Luis Soto fixo unha extensa exposición do libro que foi combinando con anécdotas da vida de Lino Gómez Canedo, ao que se refire como “un auténtico franciscano, una gran personalidad en América, una figura importante a nivel humano, científico y moral y una persona fundamental en mi existencia”. Destacou do historiador larachés que foi un “profundo conocedor de las fuentes, los documentos y los archivos” e afirmou que “sus obras pueden encontrarse en las mejores bibliotecas especializadas del mundo”. 

Desde esta semana Junípero Serra en la vida y obra de Lino Gómez Canedo estará a disposición do público na biblioteca municipal da Laracha. As persoas interesadas en adquirilo deben solicitalo aos Frailes Franciscanos de Santiago de Compostela. 

16 de setembro de 2015 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.