Iníciase o curso de alfabetización dixital para mulleres no Centro de Formación de Matosinhos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Dezaoito mulleres de diferentes idades comezaron onte o Curso de alfabetización dixital e redes sociais que imparte o Concello de Vilagarcía a través da Área de Igualdade. A acción formativa ten como obxectivo mellorar a capacitación informática das alumnas para que teñan máis facilidades de ao mercado laboral e tamén pretende contribuír a diminuír a fenda dixital que existe entre homes e mulleres. A actividade é gratuíta e aínda quedan dúas vacantes que as interesadas poderán solicitar ao longo desta semana.

O curso de alfabetización dixital e redes sociais impártese na aula de informática do Centro de Formación permanente de Matosinhos. Ten unha duración de 100 horas lectivas e as clases celébranse os luns, martes e mércores de 9:30 a 13:30 horas ata o 4 de novembro.

O programa do curso está deseñado a partir dos interese concretos das mulleres participantes, xeralmente necesidades de comunicación e información. Ao longo destas 100 horas traballaranse distintos contidos, dende os compoñentes básicos dun ordenador e os procesadores de texto, ata o acceso e navegación por Internet de xeito seguro e a xestión do correo electrónico, ás redes sociais e a aplicación destas ferramentas na busca de emprego.

As mulleres interesadas en acceder as dúas prazas dispoñibles poden solicitar información no departamento de Igualdade do Concello.

8 de setembro de 2015 | 12:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.