publicidade hoxe

Inícianse as obras de reforzo do firme na AC-308 en Cerquides e desde Portobravo a Xílgara

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, indicou hoxe que a Xunta de Galicia está a piques de rematar as obras de reforzo do firme na estrada AC-308 no núcleo de Cerquides (Lousame) e entre Portobravo (Lousame) e Xílgara (Noia), a falta de completar a sinalización horizontal nos tramos arranxados. Os traballos supuxeron unha inversión que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas valorou en 59.724 euros.

En concreto, en Cerquides arranxáronse 80 metros de estrada, desde o punto quilométrico 11,350 ata o 11,430. E de Portobravo a Xílgara víronse beneficiados 1.025 metros de estrada, desde o punto 14,595 ata o 15,620. Son dous puntos nos que os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, atendendo ás solicitudes do Concello, observaron deformacións e deficiencias no firme que facían aconsellables as reparacións.

As obras consistiron en estender unha capa de mestura de bituminosa en quente co propósito de reforzar a zona de rodadura dos vehículos. Unha vez rematada esta acción, está previsto repoñer a sinalización horizontal en cada un dos tramos.

A alcaldesa de Lousame salientou que a intervención nesta estrada de titularidade autonómica mellorará a seguridade e a comodidade na circulación. Aínda así, reclamou “que se completen as obras de reparación do firme no total desta estrada, xa que é unha das principais vías de comunicación de Lousame. Agradecemos á Xunta que actuara sobre as zonas máis críticas, pero agardamos que para o próximo ano se poidan estender estos traballos a todo o vial, xa que é unha das nosas principais vías de comunicación”. 

Cómpre lembrar que o treito entre Portobravo e Xílgara é unha zona bastante poboada na que a estrada AC-308 ten beirarrúas e sendas peonís, mentres que no núcleo de Cerquides existen dúas vivendas con fronte ao vial autonómico e dous accesos provenientes do lugar. 

2 de setembro de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.