Infantil e primaria comeza con normalidade para os 85.600 escolares da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Hoxe xoves, 10 de setembro, comezaron as clases con normalidade nos ciclos de Educación Infantil e Primaria para 85.618 alumnos e alumnas dos 93 concellos da provincia da Coruña. Cómpre destacar que ditos datos son provisionais e que varían ao longo do curso. No referido ás puntuais reivindicacións de comunidades educativas que retrasaron nalgún punto o inicio das clases, cómpre sinalar que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xa valorou pertinentemente as súas peticións e axustou a dotación dos centros ao marcado polos catálogos e pola valoración dos equipos de orientación dos centros. En calquera caso, o departamento educativo da Xunta garante a axeitada atención ao alumnado e á súa diversidade co persoal consignado neste momento.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, que estivo nas primeiras horas do curso no colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Portosín, do concello de Porto do Son, deu conta da ausencia de incidencias destacables. Na vila, o número de alumnos de Infantil é de 182, mentres que o de Primaria, de 422. Na comarcas de Noia, na que se asenta este municipio o número total de escolares que hoxe comezan as clases ascende a 2.413.

Educación Infantil

Do total de alumnos que hoxe comezan as clases na provincia, 27.528 pertencen a Educación Infantil.

Educación Primaria

Por outra banda, segundo os datos provisionais que manexa a Consellería 57.573 alumnos están matriculados en Educación Primaria.

Educación especial

No que atinxe á educación especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 517

Servizos complementarios

Hoxe mesmo empezarán tamén a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, tras as modificacións oportunas que se realizan anualmente para o seu axuste ás necesidades actuais.

Así este ano, a falta de que se pechen as autorizacións de prazas, o número estimado de usuarios de comedor escolar será de 72.016 en toda Galicia, sumando os de comedores xestionados directamente pola Consellería, e por ANPAs e Concellos. En total o departamento educativo da Xunta xestiona de forma directa 302 comedores escolares e de forma indirecta –a través de empresas que serven menús con todos os estándares de calidade garantidos- outros 133. Pola súa banda as ANPAS son responsables de 136 comedores e os Concellos de 42.

No que atinxe ao transporte, prestarase servizo –segundo as estimacións- a 93.190 alumnas e alumnos de 784 centros públicos de toda a comunidade.

10 de setembro de 2015 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.