Impútaselle un suposto delito de homicidio á nai do bebé falecido en Santiago
A nai do bebé de nacionalidade alemá que morreu este luns por causas non accidentais nun cuarto dun hotel de Santiago pasará a disposición xudicial nas próximas horas se o seu estado de saúde o permite, segundo informou a Policía Nacional. A muller foi trasladada por unha unidade sanitaria a un centro hospitalario para ser atendida despois dos feitos, acontecidos a última hora da tarde do luns, sobre as 20,15 horas, nun establecemento hoteleiro do compostelano barrio de San Lázaro.
Pola súa parte, na mañá deste martes, en declaracións recollidas por varias televisións, un home que se presentou como o pai da menor relatou que na xornada do luns mantivera unha discusión coa nai da nena acerca do estado da menor, tras o cal el abandonou o hotel para acudir á Misa do Peregrino na Catedral compostelana.
Unha vez confirmado polo informe preliminar da autopsia que a morte non foi accidental, a policía relatou como os servizos médicos desprazados ao lugar, a pesar das manobras de reanimación, non puideron evitar a morte da nena á súa chegada ao lugar.
As circunstancias que rodearon o incidente, segundo explica a policía, motivaron que os axentes comisionados, ao apreciar indicios dunha morte sospeitosa, procedesen á detención da nai da nena, de 34 anos e tamén de nacionalidade alemá. Á muller impútaselle un suposto delito de homicidio.
Dos datos achegados pola autopsia puídose determinar que se trata dunha morte non accidental. As investigacións continúan para tratar de esclarecer o sucedido.











