Ikea incrementa as vendas en Galicia nun 3,61% chegando aos 51,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

As vendas de Ikea en Galicia alcanzaron os 51,5 millóns de euros no último ano fiscal (entre setembro de 2014 e agosto deste ano), o que supón un aumento do 3,61% respecto ao mesmo período do exercicio anterior. Esta cota de crecemento, segundo a compañía, “confirma os síntomas de recuperación que se puideron intuír xa durante o pasado exercicio e ademais, consolida a actividade na práctica totalidade dos mercados nos que opera a compañía en España”.

Ikea conta en Galicia co establecemento da Coruña e asegura, nunha nota de prensa emitida este luns, que “mantén os seus plans de ampliar a súa presenza na comunidade con futuros proxectos comerciais e puntos de contacto cos consumidores galegos”.

O obxectivo para os próximos anos, segundo expón, é o de chegar a “un maior número de fogares, estar máis preto dos consumidores e facerlles máis sinxelos os procesos de compra”.

“A idea da compañía é chegar a que o 80% dos fogares do país conten cun establecemento Ikea a menos dunha hora en coche e que o 100% dos consumidores teñan acceso á gama de produtos e servizos, a distancia”, sinala.

A compañía comezou este ano, coa apertura dun primeiro punto de entrega de mercadorías en Pamplona, a súa estratexia ‘multicanal’ que contempla a apertura, nos próximos anos, non só de tendas Ikea tradicionais e centros comerciais, senón tamén “o desenvolvemento de novos formatos comerciais como os puntos de entrega, tendas con tamaños e localizacións diferentes ás actuais e novas tipoloxías de canles, solucións e soportes como o comercio electrónico, que estará operativo en España nos próximos anos”.

AUMENTO DO 10% EN ESPAÑA

As vendas en España alcanzaron os 1.281 millóns de euros no último ano fiscal, o cal implica un aumento do 10% respecto ao ano fiscal anterior.

A nivel internacional, as vendas do grupo tamén rexistraron un crecemento de máis do 11% no último ano fiscal, até alcanzar os 31.900 millóns de euros.

No último ano, abriu 13 tendas novas e tres puntos de entrega de mercadoría en España, Noruega e Finlandia, onde os clientes poden ver unha parte da variedade de Ikea e recoller os artigos que pediron previamente a distancia.

“En liñas xerais, a maioría dos mercados do grupo Ikea mostran un crecemento sólido e só algúns están a traballar en circunstancias económicas difíciles”, explica a empresa.

28 de setembro de 2015 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.