Gran éxito do espectáculo dos Bolechas en Sigüeiro

Espectáculo dos Bolechas
Máis dun cento de veciños e veciñas, sobre todo nenos e nenas, ateigaron este domingo o centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro para asistiren ao espectáculo “Os Bolechas na máquina do tempo”. Unha actividade gratuíta do programa FalaRedes, no que participa o Concello de Oroso.
Durante a hora que durou a actuación, os nenos e nenas de Oroso interactuaron en todo momento cos monicreques das creacións de Pepe Carreiro e cos actores reais do espectáculo. E é que, ademais do compoñente lúdico da actuación, “Os Bolechas na máquina do tempo” tamén permitiu achegar nocións de historia aos nenos e nenas de Oroso a través dun concurso por equipos nos que cada proba superada lles permitía aos Bolechas obter unha peza que lles permitiría volver ao presente tras unha emocionante viaxe polo tempo.